En Muxía existe desde «tempos inmemoriais» un lugar chamado Tralapedra, pertencente á parroquia de San Martiño de Ozón, pero, curiosamente, non figura no padrón municipal, segundo afirma a portavoz do BNG muxián, Merce Barrientos, quen, facéndose eco das demandas dos veciños da aldea, reclama «o recoñecemento oficial» deste núcleo.
Asegura que a existencia de Tralapedra «non pode ser negada, pois mesmo consta no DNI dalgún veciño e está sinalizado cun indicador oficial no cruce da estrada AC-440». Trátase dunha aldea con catro casas, das que tres permanecen habitadas e os seus habitantes «levan anos tentando sen éxito ser incluídos no padrón», afirma a edil nacionalista.
Fontes municipais dixéronlle que «o trámite non debería supor ningunha complicación, mais o caso é que o ansiado recoñecemento non chegou polo de agora». Para tentar de axilizar os trámites, Merce Barrientos e os veciños de Tralepedra decidiron «enviar esta petición a través dunha mediática carta aos Reis Magos de Muxía, que de seguro terán a ben conceder o desexo e o dereito da veciñanza a que se recoñeza o seu fermoso lugar de nacemento e residencia».
Sonia, Fructuoso e Claudino son tres dos veciños de Tralapedra. Este último «é un auténtico coidador da contorna e dos bosques do lugar», afirma Barrientos, e leva anos reclamando que se recoñeza a existencia do lugar e que lle deixen de chegar cartas do concello nas que se asimila o seu domicilio a Castelo, unha poboación máis grande que está preto. Claudino nega, «con toda a razón, que residira nunca nese lugar», subliña a edil do BNG.
Merce Barrientos asegura que a toponimia e a microtoponimia «son elementos senlleiros do noso rico patrimonio cultural, que debe de recibir unha atención axeitada para que se conserve e se transmita, e actualmente a microtoponimia está esmorecendo por falta de recoñecemento e coidado, mais isto pode e debe repararse». Sinala ademais que o recoñecemento de Tralapedra «non fai mal a ninguén, polo que agardamos que se resolva canto antes no pleno municipal».