Tres décadas e máis de 3.000 alumnos teñen pasado polo Centro Superior de Turismo de Galicia (CSHG) desde que abrira as súas portas no curso 1994-95. Adscrito a USC e dependente da Axencia de Turismo de Galicia, na actualidade imparte o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras e o Curso Superior de Chef en Cociña e Pastelería de 1.000 horas e vén de duplicar o número de alumnos matriculados con respecto ao curso pasado, cun incremento global do 37%.

Consolidada como referente da formación neste sector grazas a súa aposta por unha metodoloxía única que prepara aos estudantes para liderar a industria hostaleira, a escola chega ao seu 30 Aniversario con moito que celebrar e ganas de compartir esta efeméride con toda a sociedade galega da man dunha ampla axenda de actividades que se alongarán durante o curso 2024 – 2025. 

Non faltarán as mesas redondas e xornadas profesionais así como tampouco novas colaboracións e alianzas estratéxicas con algunhas das cadeas hostaleiras máis destacadas do sector. Ademais, o CSHG prepara xa un evento moi especial para a gradación deste curso, e pronto publicará un libro conmemorativo destes 30 anos. Ao certame «Prácticas para aprender facendo», con fotos de alumnos durante o seu stage de verán, sumarase tamén o lanzamento dunha nova web específica na que se recollerá unha exposición fotográfica destes 30 anos de excelencia así como o impacto dos antigos alumnos na industria. 

Todo é pouco para poñer en valor ao que se ten convertido nun dos mellores centros universitarios adicados á formación de directivos hostaleiros a nivel internacional, recoñecido por empresas líderes a nivel mundial como Marriott, Meliá Hotels International, Barceló Hotels and Resorts ou Iberostar Hotels & Resorts, por poñer so algúns exemplos. Con todo, son os propios alumnos o mellor aval da escola, pola que pasaron moitos dos mellores profesionais do sector turístico galego e internacional da actualidade. 

Nestes 30 anos, ata 5 dos seus egresados/as alcanzaron a prestixiosa Estrela Michelin e máis de 3.000 traballan por todo o mundo, levando a esencia do centro a cada recuncho do planeta e asegurando un vínculo permanente coa industria e o mercado laboral. Asimesmo, un terzo dos graduados/as da escola ocupan postos directivos, incluíndo direccións de hotel. 

«Un antes e un despois, desde o minuto 0»

É o caso de Ana Lago, actual adxunta á dirección no Parador de Santiago de Compostela, que relata como «a escola marcou un antes e un despois na súa traxectoria profesional». «Primeiro polo enfoque práctico e despois polos profesores, sempre dispostos a apoiarte. Ofreceume unha visión moi ampla do sector e impulsou a miña incorporación ao mercado laboral desde o minuto cero», relata a profesional sobre o modelo de éxito do CSHG, que conta cunha carteira de colaboracións na que se inclúen máis de 500 firmas hostaleiras, 100 das cales son internacionais. 

Cunha metodoloxía única, na que se alterna unha semana de teoría e unha de práctica, e prácticas garantidas para o 100% do seu alumnado, a escola logra que o seu estudantado chegue a graduación cunha importante bagaxe de experiencia profesional acumulada, o que redunda nunha taxa de empregabilidade de ata o 96% dos seus graduados/as nos meses posteriores á súa titulación. 

Aposta ademais pola igualdade de oportunidades a través da aprobación de medidas para flexibilizar o acceso aos estudos para profundar na profesionalización do turismo como son a redución da matrícula e o incremento das bolsas de estudo postas en marcha este curso. 

«A maior industria do país»

Tamén Álvaro Lens, director-xerente de A Coruña Convention Bureau desde hai xa tres anos e membro da primeira promoción, pon en valor este método: «Non tiñamos precedentes, eramos os primeiros alumnos que nos embarcabamos nesta aventura baixo o reclamo de formar parte da maior industria do país cun plan de estudios que nos permitiu coñecer desde a base todas as operacións que hai nun hotel». 

Un centro pioneiro, en definitiva, que mira agora ao futuro a través do Plan de Formación de Turismo de Galicia, no que se desenvolverá o Plan para a Formación en Competencias Dixitais do Sector Turístico, con cursos de 150 horas para traballadores turísticos, e a creación do Hub Gastronómico de Formación para o sector, que entrará en funcionamento a finais do 2025 como parte das acción previstas no Plan Territorial de Sustentabilidade Turística Enogastronómica de Galicia, deseñado polo goberno galego con fondos Next Generation.

«Os alumnos son os nosos mellores prescritores»

José Paz » director do CSHG 

– Cumprides 30 anos e alcanzades a madurez, ¿moito que celebrar? 

A verdade é que si: cumprimos 30 anos, con 3.000 ex- alumnos no mercado laboral e iso é un gran orgullo para un centro de formación pioneiro en España como foi o noso.

– ¿Que papel xoga a dimensión internacional na escola?

Estes días, acabamos de recibir a visita de Marriot, o grupo hostaleiro mais importante do mundo, que estivo seleccionando alumnos para realizar practicas o vindeiro verán.Quero facer especial fincapé nesta relación coas cadeas hostaleiras da escola xa non so a nivel galego ou nacional, senón tamén internacional, o que explica que agora mesmo teñamos alumnos traballando nos cinco continentes. 

Eles son os nosos mellores prescritores. 

– ¿Cambiou moito o sector desde os vosos comezos, nos anos 90? 

Hai unha evolución moi clara. Estamos a vivir un momento moi doce, pero é grazas a ese traballo que houbo detrás. Temos 100 novos alumnos en primeiro de Grao e estamos a tope de admisions, o cal nos indica que hai moitas ganas. As perspectivas que temos son moi boas e esperamos dalo a coñecer moito máis. Neste senso, invito a todos os interesados a coñecernos a través das xornadas de portas abertas que temos os sábados e das que poden informarse na nosa páxina web: www.cshg.gal.

Fuente