«É un traballo innovador porque o único que fai é gardar a esencia das cousas», explicou o director do grupo de instrumentos tradicionais de Sementeira de Cambre, Luís Bolón, sobre o primeiro proxecto discográfico do conxunto, no mesmo espazo no que se gravou: o salón de actos da escola de música. Cerca de vinte músicos participaron la gravación do álbum, no que «o epicentro son As Mariñas» e que recolle pezas coñecidas pero con versións propias, froito de arranxos do propio Bolón e algún do «erudito» Pedro Lamas, autor dunha das composicións inéditas que tamén soan no disco, explicou o director na presentación, este sábado, acompañado pola presidenta da directiva de Sementeira, Beatriz Riveiro; a deputada Avia Veira e a alcaldesa de Cambre, María Pan.
Nove pezas integran o traballo, xa publicado e que se subirá ás plataformas dixitais despois das festas. Están interpretadas por gaitas e percusión tradicional galega e dúas, ademais, por voces: unha delas cántaa un coro integrado por familiares dos alumnos da escola e outra, un grupo de pandeireteiras. O coro familiar cantou un pasodobre e as pandeireteiras, unha canción que interpretaba de Mercedes de Borducedo, de Bergondo, que «pasou desapercibida durante xeracións», asegurou Bolón.
Dos temas inéditos, un é Paso Bribes, composto por Pedro Lamas, «un dos máximos expoñentes da música tradicional», para o seu pai e que «non se tocara». Outro foi a melodía gañadora do concurso de composición para gaita do certame das Mariñas de 1983, autoría de Fernando Álvarez. Asegura Bolón que «Sementeira foi pioneira ao organizar un concurso que premiara as composicións para gaita», xa que «non hai moitos». Comezou nestes anos a labor que Sementeira aínda desenvolve en Cambre e que, asegurou o director do grupo de instrumentos tradicionais, foi determinante para que unha das familias máis emblemáticas do mundo da gaita en Galicia se asentara en Cambre. «O pai, o vello Seivane, coñeceu Cambre grazas a Sementeira. Grazas a Sementeira, Seivane está en Cambre, segundo me contou Álvaro Seivane», relatou Bolón.
Unha melodía «do vello Seivane», Xosé, forma tamén parte do disco, que ten como outro dos seus «piares» so «tratamento ou concepto»: nada de guitarra eléctrica, baixo e un djembé rodeados de gaitas. «Asistimos durante anos a un certo complexo de nós mesmos. Este disco ten no centro a gaita e a percusión tradicional. É o que nós facemos. Si non che gusta a gaita, claramente este non é o teu disco», sinalou Bolón, quen agradeceu a implicación do exconcelleiro de Cultura, David Saborido.
«Un fito» despois de atravesar unha «etapa difícil»
«Este disco é un fito importante. É un reflexo da nosa identidade e tradición», sinalou a presidenta da directiva de Sementeira, quen lembrou a «etapa difícil» que acaban de atravesar, polo bloqueo nas axudas do Concello, e agradeceu a colaboración «dos socios e dalgunha persoa na sombra que axudaron a saír adiante». A alcaldesa agradeceu a labor de Sementeira e confiou en que para 2025 «as cousas vaian máis áxiles».