A veciñanza de Ames está convidada a reunirse o día 31, ás 11.00 horas na Praza do Concello, para tomar xuntos os xa tradicionais 12 arandos das prebadaladas, acompañados de sidra e cotillón. A rapazada terá uvas de lambetadas sen glute e batidos. Esta iniciativa, que comezou no ano 2019, foi afianzándose entre os veciños para dar a benvida ao novo ano de maneira anticipada e nun ambiente festivo e familiar.
O alcalde, Blas García, anima a todo o mundo a achegarse a Ames para ser «os primeiros en celebrar o ano novo», e explicou que esta «é unha forma de facer pobo dende o concello e que a veciñanza poida celebrar en conxunto a entrada no ano 2025».
Pola súa parte, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, agradece ás empresas patrocinadoras a súa colaboración na iniciativa.
Fátima Pego, a mestra de cerimonias, asegura que será «un evento cheo de sorpresas que ninguén se debería perder», mentres que Rubén Capeáns, de Mada Producións, cooperativa cultural que ofrece produtos de accesibilidade, avanza que vai ser un evento no que as persoas con discapacidade auditiva poderán gozar dunha experiencia plenamente inclusiva grazas ás mochilas vibratorias e á interpretación mediante linguaxe de signos.
Habilitarase o acceso á Praza do Concello pola rúa do Ameneiral e haberá unha carpa para celebrar as prebadaladas aínda que o tempo non acompañe.