O apicultor Antonio Martínez Pernas é un dos beneficiarios das axudas que a Deputación Provincial da Coruña concede aos autónomos dos concellos da provincia que contan con menos de 10.000 e de 20.000 habitantes e que neste 2024 a piques de rematar foron parar en total a 2.198 profesionais con domicilio fiscal nalgún deses pequenos municipios.
En total, o organismo provincial pecha 2024 con preto de cinco millóns de euros en axudas concedidas a estes autónomos, que oscilan entre os 1.200 e os 2.400 euros por beneficiario e que se destinan ao pago de parte das cotas da Seguridade Social dos traballadores por conta propia.
«É un alivio»
«É un alivio poder reducir un pouco a cota, que é bastante alta», sinala Martínez Pernas. O apicultor, que iniciou a súa andaina como autónomo en 2017, valora positivamente unha axuda que chega nun momento complicado para o sector ao que se dedica: «Os últimos anos están sendo complicados na apicultura. Imos resistindo, pero hai moita incerteza, porque dependemos do clima, que é impredicible», dixo.
«Sempre intentas que o negocio sexa viable sen ningún tipo de axuda, pero cando chega un apoio que che permite ser máis competitivo é ben recibido», recoñece.
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicaba onte a resolución definitiva da segunda liña de axudas PEL para Autónomos Consolidados do Plan de Emprego Local (PEL), con 2,6 millóns de euros para 1.092 axudas a outros tantos profesionais con máis de cinco anos de exercicio empresarial e domicilio fiscal nun concello de menos de 10.000 habitantes. Bonificacións que se suman aos 2,3 millóns xa concedidos na primeira convocatoria do PEL-Autónomos deste ano, que beneficiaron a un total de 1.106 profesionais con menos de cinco anos de actividade e domicilio fiscal en concellos de menos de 20.000 habitantes.
Fixar poboación no rural
As axudas «van destinadas aos autónomos que exercen nos concellos de menor tamaño da provincia, coa intención de favorecer o emprego e contribuír á fixación de poboación no rural, un dos obxectivos estratéxicos do goberno da Deputación», sostén o presidente do organismo provincial, Valentín González Formoso.
Dos 1.092 beneficiarios da segunda liña do PEL-Autónomos, 464 son mulleres, o que supón o 42 por cento do total. Os concellos de entre 2.000 e 4.000 habitantes son os que suman máis concesións, con Mazaricos, Tordoia e Val do Dubra á cabeza.
Por comarcas, a de Santiago é a que concentra un maior número de solicitudes concedidas, con 364, o que supón o 33,3%, por un importe de 865.777 euros.
Por sectores, o primario é o máis favorecido, con 630 solicitudes aprobadas, é dicir, un 58% do total, seguido pola actividade do sector terciario, co 33%, en tanto que no sector secundario destacan a construción e as reformas, co 5% do total das axudas entregadas.