O BNG de Muxía urxe ao Concello a mellorar o único acceso á igrexa románica de Moraime, «que leva anos sen atención», logo de que a veciñanza lle trasladara as súas queixas polo deterioro do vial de baixada ao templo.
Segundo a formación, «os baixos dos vehículos que se achegan ao templo para os oficios ou para ver as pinturas murais tocan no chan».
«Trátase do único acceso en coche ao templo, ao que asiste moita veciñanza de idade e con problemas de mobilidade», indican os nacionalistas, que cren urxente «facer un proxecto de mellora da accesibilidade e pedir os oportunos permisos a Patrimonio para mellorar a baixada e que se faga de xeito respectuoso cunha contorna tan senlleira».
A igrexa, do século XII, conserva oito lenzos murais policromados que representan os pecados capitais e a morte.