O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou este mércores o Museo do Traxe Juan José Liñares, en Ordes, tras rematar as obras de substitución da cuberta ás que a Xunta destinou máis de cen mil euros (o total do custo das obras, ao abeiro dun convenio de colaboración entre o Goberno galego e o Concello).
O museo acolle unha colección de máis de 1.000 traxes doados por Juanjo Linares á fundación que leva o seu nome quen a súa vez os cedeu ao Concello de Ordes para a súa exposición nun edificio de propiedade municipal.
O edificio consta de tres plantas con salón de actos, biblioteca, sala de lectura, almacén, oficina de dirección e administración e dúas salas de exposición. Están expostos 260 traxes (o resto están almacenados). Son traxes tradicionais de diversas épocas, a partir do século XVI, e de todo o mundo, a diferencia doutras mostras da mesma temática, nas que a maioría son da respectiva comunidade autónoma.
O conselleiro, que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e do alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, incidiu en que esta achega encádrase dentro das actuacións da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, aprobada este mes de novembro, e que «facilita a actividade cultural ao alcance de todos os galegos e galegas, sexa cal sexa o seu lugar de residencia». Ao respecto, destacou o papel fundamental que desenvolven nos pequenos concellos estes equipamentos para ofertarlle programación cultural a súa veciñanza.
López Campos dixo que é esencial dotar a Galicia das mellores infraestruturas «co obxecto de poder desenvolver unha programación e unha oferta de calidade». Neste senso, puxo en valor que esta é a estratexia do Goberno galego para todo o territorio. En concreto, referiuse á posta en marcha de proxectos como o Teatro Fraga de Vigo, que procura ser un referente en toda a comunidade, e a outras iniciativas polos concellos que «contribúen a mellorar as opcións e oportunidades culturais da poboación que vive en núcleos máis pequenos». Todo isto vai na liña, lembrou, «do plan para modernizar as infraestruturas culturais no que xa estamos traballando».
O conselleiro enxalzou esta mostra do traxe como «a exposición máis representativa da comarca». Neste senso, apuntou que son moitos os peregrinos que se desvían do Camiño para visitala, así como as excursións que aproveitan que Ordes se atopa a medio camiño entre A Coruña e Santiago «para facer unha parada e coñecer de preto esta interesante mostra de traxes tradicionais de todo o mundo», sinalou.