O PSOE e Marea de Noia presentaron un recurso ante Xulgado do Contencioso Administrativo contra a aprobación definitiva do orzamento de 2024.
Segundo o voceiro socialista, Francisco Pérez, «estamos ante unha irregularidade manifesta que non podemos deixar pasar por alto, hai que cumprir a lei». Pola súa banda, Manuel Seijas, da Marea, insiste en que «o documento non cumpre coa legalidade, témolo tan claro que por iso decidimos emprender accións legais».
No recurso solicitan, como medida cautelar, a paralización do orzamento, «porque a dinámica do goberno é dotar crédito para pagar as facturas das que non dispoñen de crédito suficiente, e iso fai que o Concello non cumpra coas obrigas económicas», subliña Pérez, mentres que Seijas di que «non podemos amparar máis irregularidades na xestión, dende agora cada acción terá unha resposta contundente, eso teno que ter claro Santiago Freire e o seu goberno».
O alcalde, Santiago Freire, asegura que «é unha pataleta e unha manobra dilatoria para perxudicar aos veciños e proveedores». Lembra que a Xustiza xa avalou a actuación do goberno respecto á Relación de Postos de Traballo (RPT), e en relación ás facturas atrasadas asegura que «xa estamos facendo os pagamentos que se viron demorados pola acción da oposición, que só busca o colapso do Concello».
Respecto ao servizo do tratamento do lixo, o rexedor sinala que «o Concello xa fixo fronte aos pagos á Mancomunidade Serra do Barbanza«, polo que «este é un intento máis para frear o funcionamento do Concello», conclúe.
Hai que lembrar que o orzamento municipal foi rexeitado inicialmente cos votos do exedil do PP, Luis Alamancos, PSOE, Marea e BNG, e foi aprobado definitivamente ao non presentarse unha moción de censura despois da cuestión de confianza á que se someteu o alcalde.