A asociación Ambar das persoas con diversidade funcional conmemorou este martes o Día Internacional das Persoas con Diversidade Funcional na Praza Maior Alcalde Segundo Durán da Pobra do Caramiñal.
O obxectivo da actividade organizada por Ambar é poñer en valor a diversidade a través da creación dun ambiente de aprendizaxe e diversión no que as persoas usuarias do centro, expertas en cada unha das áreas na que se desenvolven no día a día, guiasen a actividade para dar a coñecer todo o que se leva a cabo na asociación.
A esta xornada asistiron ao redor de 400 persoas que participaron en actividades coma o mural colaborativo, no obradoiro de artesanía creando unha bolsa estampada ou un chaveiro ambareño, nos xogos populares e tamén na creación dunha árbore de Nadal diversa, onde cada persoa que asistiu puxo nun papel o que para ela significa a diversidade.
As persoas que o desexaron tamén pasaron por un stand de maquillaxe e sacaron unha foto de recordo no photocall de Ambar.
Á actividade tamén acudiron membros de asociacións e alumnos de colexios da zona, como o CEP Plurilingüe Salustiano Rey Eiras, o CEP Plurilingüe Pilar Maestu, A Creba e Agadea. Durante a xornada estiveron presentes Amparo Cerecedo, concelleira de Servizos Sociais da Pobra, e Milagros Rey, presidenta de Ambar e quen tamén participou na lectura do manifesto xunto con Manuel Vilas, Vanesa Villar, Noelia Argibay e Olaia Pérez.