O ansiado porto mixto de Corcubión segue a xerar polémica. Unhas declaracións do voceiro da plataforma Porto sí, mortos non, valorando as conclusións sobre unha xuntanza que mantivo co presidente de Portos de Galicia para coñecer a situación real do proxecto, xeraron malestar no PP corcubionés.
O portavoz popular, José Domínguez Caamaño, asegura que logo de «contrastar as declaracións», pide á referida plataforma que «deixe de intoxicar mediante falsedades» e sinala que «dende o noso punto de vista o afán desmesurado de protagonismo non conduce a ningures».
Domínguez asegura que o presidente de Portos accedeu a ter unha entrevista co voceiro da plataforma «por cortesía institucional, sobre todo despois de intentar esta plataforma boicotear a derradeira visita do conselleiro do Mar». Nesa xuntanza, engade, o responsable do ente portuario «puxo de manifesto que a consecución do porto mixto non dependía das reivindicacións dunha plataforma, senón de todos os axentes involucrados: confraría, Club Marítimo Carrumeiro, Concello de Corcubión e outros axentes sociais, ademais da firme vontade da Xunta».
Dende o PP din ademais que é «totalmente falso» que o presidente de Portos manifestase que «non entendía como se lle ían a asignar 8 millóns de euros a Corcubión para executar esta infraestrutura», e defenden ao responsable do ente sinalando que «en ningún caso se tratou de menosprezar a Corcubión en relación a outras vilas costeiras que si dispoñen destas instalacións». Por iso, José Domínguez entende que dende a plataforma deberían «pedir desculpas».