Vinte alumnos e alumnas recibiron na Laracha este venres os diplomas que acreditan a súa formación nas especialidades de operacións básicas de revestimentos lixeiros e técnicos en construción, e traballos de carpintería e moble, ao abeiro do oitavo obradoiro de emprego desenvolvido no municipio.
Unha aposta pola inserción laboral que terá continuidade coa posta en marcha en breve dun novo obradoiro de emprego e doutro Programa Integrado de Emprego, e cunha acción formativa para desempregados, todo co apoio da Xunta de Galicia, segundo confirmou o alcalde larachés, José Manuel López.
O rexedor expresou o seu desexo de que, coa formación recibida, os alumnos que onte recolleron os títulos vexan mellorada a súa empregabilidade. Tamén os felicitou porque «cando pasedes polo Castro de Montes Claros, os centros socioculturais de Erboedoo e Cumiáns, os campos de fútbol da Porta Santa de Paiosaco e de Vista Alegre, e polo paseo fluvial do Anllóns, poderedes dicir que vós participastes na mellora deses lugares».
A delegada da Xunta, Belén do Campo, asegurou no acto de clausura do referido obradoiro que no noveno manterase a especialidade de carpintería e moble e introducirase unha nova: pintura industrial en construción. Formaranse outras 20 persoas do municipio sen emprego.
O investimento será de máis de 411.000 €, e Do Campo destacou que «con estes dous obradoiros a Xunta inviste na Laracha case un millón de euros».
Indicou ademais que na provincia da Coruña están aprobados 23 obradoiros de emprego duais, «grazas a un investimento de máis de 9 millóns de euros para formar a 440 persoas».
Tamén destacou que estes talleres permiten dotar á poboación activa de «formación de calidade, ao tempo que desenvolven un traballo produtivo de utilidade pública ou interese social, coa posibilidade de acreditalo a través dos certificados de profesionalidade». O obxectivo, engadiu, «é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente nos do rural».