A cuarta edición do festival Premios Fouciño, de Baio (Zas), pechou as súas portas coa entrega de premios ás mellores das 22 curtametraxes presentadas a concurso este ano.
Na categoría xeral a gañadora foi a película Homes traxe, dos vigueses Daniel Filloy e Rebeca Tella. O xurado destacou a calidade técnica da peza, gravada en plano secuencia, e os xiros de guión. O premio foi de 1.000 €.
Tamén foron galardoadas as curtas Un, dous tres, ataque de pánico, do CPI Cabo da Area, de Laxe, que levou o premio do público (200 €); e Un guión de cinema, do IES Agra do Orzán, da Coruña, que levou o premio á mellor curta escolar (500 €).
A entrega de premios estivo presidida polo alcalde de Zas, Manuel Muíño, e polo vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e tamén participaron na mesma o padriño e a madriña desta cuarta edición: Chema Rey e Mabel Montes.
Dende a Asociación Cultural Premios Fouciño, entidade organizadora xunto co Concello de Zas, destacan «a implicación de todo o pobo, así como os apoios dos patrocinadores -Concello e Deputación da Coruña- necesarios para consolidar o festival no futuro». Pensan xa na edición de 2025 «co reto de implicar máis ás novas xeracións».
O peche a esta cuarta edición chegou cunha gran festa cos concertos de Caamaño & Ameixeiras, Pantis, Copa Turbo e Afundín Jamallos. O público encheu a carpa habilitada para acoller o acto, q ue se celebrou na Praza Jorge Mira, de Baio.