O alcalde de Muxía, Javier Sar, volveu recordar ao seu antecesor, Iago Toba, que ten que devolver o móbil e o ordenador, «que son de todos os veciños». Así, no último pleno lembrou que xa lle foron requiridos mediante un oficio, no que se fixaba o quince de outubro como data límite para devolvelos, e non o fixo, «polo que imos ter que tomar outras medidas».
O exrexedor socialista, que foi desbancado do primeiro sillón por unha moción de censura asinada por PP, IxM e BNG, desafiou ao seu sucesor sinalando «poña a denuncia». A este respecto, a tenente de alcalde, Sandra Vilela, recriminou a actitude de Toba sinalando que «non só non os devolve, senón que aínda se parte de risa».
Na sesión tamén se aprobou unha modificación de crédito por importe de 193.747 euros, para incorporar ao orzamento os impostos recadados do Estado, co fin de dedicalos a pagar facturas atrasadas. O alcalde sinalou que tamén se reservará unha partida para tentar de arranxar os tres camións do servizo do lixo que levan meses avariados, e tamén un vehículo de Protección Civil.
Esta situación, segundo Javier Sar, está a provocar que o custo do servizo de recollida do lixo se duplicase debido a que o Concello tivo que externalizar esta prestación. A idea do novo goberno local é recuperar eses camións ou estudar a opción de comprar outros para reducir custos e prestar o servizo con medios propios.