P. O primeiro paso nesta modificación dos estatutos pasa por un borrador sobre o que a comunidade universitaria pode enviar propostas. É importante a súa opinión?
R. Por suposto. Nesta ocasión quixemos facer un proceso o máis participativo posible. Entón, fronte a outras veces nas que se comezou a redactar un texto en blanco por parte dunha comisión, aquí decidimos someter a información pública un borrador inicial para que a comunidade universitaria manifeste o que considere sobre o mesmo. Lóxicamente teremos en conta todas as aportacións que nos cheguen e levarase en primeira instancia ao Consello de Goberno, que terá que aprobar o anteproxecto e logo o Claustro tomará a decisión final.
P. O proceso rematará coa aprobación no Claustro universitario. Xa hai unha data marcada?
R. O calendario tentativo que temos plantexado, que dependerá das suxestións enviadas e logo do debate en Consello de Goberno, é poder remitir o texto ao Claustro universitario no mes de xaneiro. Logo terá que traballar a Comisión de Desenvolvemento Estatutario e sairá o texto que se someta á aprobación polo conxunto do Claustro. Agardamos que se resolva antes de mediados de maio, xa que logo rematan as clases e comezan os exames e non pode haber reunións deste carácter. De seguido continuaría o trámite de control de legalidade para a súa publicación e entrega en vigor o vindeiro curso.
P. Unha das cuestións nas que se pon o foco é a existencia ou non de departamentos, ata agora encargados de xestionar a docencia. Que vantaxes ofrece unha opción ou outra?
R. Un dos temas que queremos suscitar para que se pronuncie a comunidade universitaria é en referencia á forma na que se organiza a universidade, coa presenza ou non de departamentos. A LOSU deixa campo para que as universidades decidan en que entes se estrutura: centros, departamentos, institutos de investigación… Pero antes era unha estrutura ríxida. Na USC con 25 facultades e escolas e con cincuenta departamentos que moitos están compostos por diferentes áreas de coñecemento, parécenos que se pode plantexar se nos poderiamos organizar sen a presenza de departamentos, de tal forma que as funcións que hoxe lle tocan poideran asumilas as áreas de coñecemento, con menos complicación administrativa porque a estrutura sería a través dunha coordinación. Hai universidades que se focalizan nos centros, a nosa é unha delas, mentras que outras teñen moitos menos e danlle máis protagonismo aos departamentos. Hai que analizar pros e contras e ver o que decide a maioría.
P. Tamén se vai a determinar a participación que van a ter os distintos sectores da comunidade universitaria nos órganos de goberno. É importante que cada sector aporte á universidade?
R. É unha cuestión que lle vai tocar decidir ao Claustro universitario, que é o responsable último de aprobar os estatutos. Veremos as suxestións pero será este órgano quen decida a porcentaxe que corresponde ao estudantado, PDI e PAS. É un tema que está suxeito a discusión e cada colectivo vai a demandar a solución que mellor encaixe cos seus intereses. Por agora non ten sentido adiantar propostas.
P. Hai un capítulo adicado ao estudantado. En que se vai a poñer o foco?
R. No capítulo de estudantado xa tiñamos constituídas institucións como o Consello de Estudantado e tiñamos un catálogo de dereitos e deberes do estudantado. Agora o que se está facendo é poñer ao día algunha novidade menor, como que había xa unha unidade de igualdade e agora a nova lei nos obriga a que haxa unha unidade para atender a diversidade. Neste apartado xa tiñamos moito avanzado e regulado no noso ordenamento , ao igual que cos paros académicos, entre otras cuestións.
«As funcións dos departamentos terían que asumilas as áreas de coñecemento»
P. Ven de aprobarse a elaboración da Planificación de Profesorado 2025 para reducir os contratos temporais, lograr a estabilización para os que teñen contrato temporal ou a promoción para os corpos de titular e catedrático. Recollerase isto nos estatutos?
R. O novo réxime de adicación do profesorado vai a ter traslación nos estatutos. O que fixemos neste documento é establecer uns criterios moi xerais que van marcar as actuacións que imos a levar a cabo o vindeiro ano en relación ás prazas de profesorado. Así vaise abrir un prazo para que os departamentos fagan as súas solicitudes e en función diso iremos decidindo a principios de ano. Estas prazas son as que estamos dotando pensando en que o persoal ten que estar incorporado no curso 2025-2026. Por iso nos adiantamos un pouco sobre o calendario que viñamos traendo con anterioridade, e a universidade segue traballando na liña de eliminar a temporalidade. Imos a ser a primeira universidade de España na que cando remate este ano imos a ter adaptado segundo marca a LOSU o réxime de profesorado asociado que pasan a ter carácter indefinido e unha adicación máxima de 120 horas cando antes podían chegar a 180. Ademais, penso que despois da UNED somos a universidade española que ten a menor tasa de profesorado temporal. Seguiremos nesa adecuación que establece a LOSU.
P. Esta planificación do profesorado ven marcada pola falta de relevo xeracional?
R. Si, estas actuacións enmárcanse nese obxectivo xa que temos presente a xeración de xubilacións que se van a producir nos últimos anos desta década e a principios da seguinte. Hai que ir tomando xa medidas e non agardar porque a formación dun profesor universitario leva un tempo para elaborar a tese, acceder a unha praza permanente e completar a carreira ata unha praza estable. As decisións que se están tomando son nese escenario presente do reto que supón o relevo xeracional derivado do alto número de xubilacións que se van a producir.
P. Con respecto á actividade investigadora contémplase algunha modificación relevante?
R. Dentro desa liña que nos deixa a LOSU de que as universidades poidamos autorganizamos propoñemos neste primeiro documento crear unha figura de centros de investigación para dar cobertura a esa necesidade de crear estruturas de investigación para xestionar a actividade que facemos na USC. Por agora tiñamos dualidade de estruturas: institutos de investigación e outros centros, segundo marcaba a LOU.
Suscríbete para seguir leyendo