Os veciños de Melide e os interesados que se cheguen ata a aldea de Furelos volverán viaxar no tempo, por sétima vez, coa celebración dunha nova edición do Mercado de Época ‘Furelos no 1900’, que recreará a estética dun mercado tradicional de comezos do século XX.
Este evento celebrarse a partir das 18:00 horas do próximo venres e prolongarase durante toda a fin de semana ata a noite do domingo, en horario ininterrumpido dende as once e media da mañá ata pasadas as dez da noite.
A programación desta cita inclúe actividades coma pasarrúas, espectáculos circenses, con lume, musicais e teatrais. Así pois, haberá tamén espazo para exposicións que rememoren a vida hai xa máis de cen anos a través de oficios e establecementos coma a barbaría, a escribanía, a costura, a carpintaría, os ultramarinos ou as adegas. Tamén se organizarán obradoiros demostrativos de varias artes e atraccións infantís.
Unha das atraccións máis chamativas, o tren turístico, tamén estará en servizo para unir a capela de San Roque coa aldea de Furelos entre as 11 e as 14 horas e entre as 16 e as 20 horas, con frecuencias dunha hora.