O Concello de Teo e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) asinaron onte a renovación do convenio de colaboración que ambas entidades manteñen en materia de asesoramento enerxético e atención cidadá nun acto celebrado na Casa Consistorial que contou ca presenza da alcaldesa Lucía Calvo e da profesora adscrita ao Departamento de Economía Aplicada da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Rosa María Regueiro.
O obxectivo deste servizo, segundo detallou a administración municipal, é que a veciñanza de Teo dispoña de información sobre as súas facturas eléctricas; a cal lle facilitarán os propios técnicos da universidade, ca fin de fomentar boas prácticas e o aforro enerxético. Este asesoramento estará dispoñible todos os mércores no salón de plenos do concello, en horario de 10.00 a 12.00.
Ademais, tamén se lle explicará aos interesados cales son as condicións para poder solicitar o bono social eléctrico e cales son os requisitos que debe cumprir unha persoa para ser considerada consumidora vulnerable.
Como novidade, o convenio asinado este ano inclúe a organización de charlas de boas prácticas para o aforro nos fogares, que serán itinerantes e terán lugar nas diferentes parroquias para facilitar a asistencia da poboación ás mesmas.