Con máis de 20 anos as súas costas, o grupo coruñés Tiruleque chega este sábado aos escenarios da Romaría de Santa Margarida. Álex Fente, un dos seus integrantes, di estar “moi ilusionados” por volver á Coruña, con ganas de facer bailar a todos os presentes e de ver tamén a outros compañeiros de cartel, como De Ninghures.
De igual maneira que os seus compañeiros, Fente ve ese rexurdimento da música tradicional e esa renovación de caras no circuíto de foliadas. “Sempre da gusto ver caras que non coñecías antes. Loxicamente e por sorte vai aparecendo ese relevo, ese interese das xeracións que veñen despois e dáste conta que hai unha cantidade de xente que tenta descubrir este mundo de posibilidades lúdicas e disfrutar da música”.
O integrante de Tiruleque sinala a importancia do baile e das foliadas para afrontar os problemas de hoxe en día. “Achegamos ese puntiño de achegar esa diversión que causa o baile, esa desconexión de moitas cosas que ten a xente en la cabeza e que pode evadirse un momento deses malos rollos que poidan ter”, di Fente.
Eles, ao igual que outros artistas, fusionan os ritmos da música latina e os adaptaron á tradición galega. Parte da razón disto, explica Fente, é a propia relación de Galicia con América, pero tamén da presenza dos sons latinos no panorama mainstream global, onde arrebatoulle o posto á música anglosaxona. “Os Satélites foron dos primeiros en introducir esas influencias no que era panorama de un momento, incluso moito antes de que eses ritmos eclosionaran a nivel de popularidade mundial”, di o acordeonista.
Esta situación, opina Fente, non é probable que se volva a repetir cos novos emigrantes galegos. “Antes eu penso que había máis individualidade. De un tempo a esta parte a globalización, as influencias cruzadas, esas canles do mainstream que teñen unha maior permeabilidade axudaron á accesibilidade. Antes coma non había tanto coñecemento, esas especificidades propias de cada lugar eran máis patentes. Hoxe en día o futuro dirá, pero non creo que vaia ser algo tan marcado«.