Representantes dos catro colectivos organizadores decidiron por unanimidade conceder o I Premio do Fútbol da Baña 2024 a Francisco Villaverde Marcos “polo seu labor en prol do deporte e o fútbol no municipio da Baña”. Así, membros da Comisión de Festas, SD A Baña, da asociación Lumieira e A Baña veteranos reuníronse no Campo de Fútbol Municipal Antonio Martínez para tomar a decisión.
Villaverde foi directivo nos primeiros anos de fundación da SD desde 1978 a 1995, adestrador e fundador dos equipos de base (infantís, cadetes e xuvenis ) e en varias ocasións do equipo de afecionados. Alcalde do Concello da Baña entre 1979 e 1995, mestre e promotor do deporte escolar na comarca ademais de director-coordinador dos Campamentos Val de Barcala desde xullo de 1984 a maio de 1995, «sen dúbida é unha personalidade fundamental no desenvolvemento cultural e deportivo do noso Concello, na formación do fútbol federado da Baña e imprescindible na creación da Sociedade Deportiva A Baña no ano 1978”, suliñaban.
O premio será entregado o vindeiro sábado 7 de setembro na citada celebración que, dende as 12.00 horas, incluirá no estadio local a presentación do equipo femenino, das categorías inferiores, conmemoración do décimo aniversario dos veteranos, os 45 anos da propia SD, xantar (retirada dos tiques nos bares Estanco e Fortuna), xogos inchables para os nenos e, por suposto, a entrega do galardón ao homenaxeado, que paradoxicamente é natural de Ames.