O vicepresidente da Deputación coruñesa, Xosé Regueira, e o alcalde da Laracha, José Manuel López, rubricaron o convenio en virtude do cal ambas as administracións cofinanciarán o proxecto de remusealización do Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte, ubicado na antiga casa reitoral de Golmar (A Laracha) desde o ano 2009.
Agora vaise modernizar e dar un impulso á instalación cun proxecto de remusealización que renovará os seus contidos desde unha tripla perspectiva (conceptual, formal e funcional) para ofrecer unha experiencia máis completa e enriquecedora aos visitantes. Potenciar o atractivo turístico do museo tamén significará poñer en valor o patrimonio etnográfico vinculado aos muíños de auga como elementos fundamentais da historia da Laracha.
O orzamento supera os 48.000 euros, achegando a Deputación o 80% dese investimento e o Concello, o 20% restante. Durante os últimos anos o museo, ademais de recibir visitantes, albergou diversidade de iniciativas culturais e educativas.