O conselleiro de Mar, Alfonso Villares, visitou este mércores tres dos emblemas do patrimonio marítimo de Galicia: o antigo estaleiro de Ciprián, en Outes (agora musealizado); a Caseta de Pepe do Cuco, en Carnota (unha antiga caseta de pescador convertida no primeiro museo mariñeiro totalmente automatizado de Galicia); e os dous únicos secadoiros de congro de toda a Penísula, o dos Cascóns e o da Pedriña, en Muxía.
Os tres son bos exemplos da conservación e posta en valor do patrimonio material e inmaterial vinculado ao mar que se persegue coas cen medidas contempladas no Plan de Cultura Marítima de Galicia Horizonte 2030, coa alianza dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro.
Trátase, segundo Villares, dun plan “único e pioneiro tanto a nivel nacional como internacional; unha folla de ruta que xurde froito dun intenso traballo e de consultas a persoas e entidades de todo o litoral, e realiza unha profunda análise da diversidade de bens inmobles, mobles e patrimonio inmaterial existente na comunidade, co fin de que non queda no esquecemento”.
O documento fai, deste xeito, unha radiografía da demografía litoral de Galicia e da súa cadea mar-industria, destacando ao redor de 40.000 empregos directos que dependen dela, así como os múltiples oficios, tanto do pasado como actuais, vinculados ao mar. Aos mariñeiros, mariscadores, percebeiros, acuicultores e bateeiros engádense os operarios de conserva, afumadores, baleneiros, salgadores, muiñeiros, carpinteiros, torneiros ou redeiras, entre outros.
O documento analiza tamén as fortalezas, oportunidades, debilidades e ameazas para un patrimonio marítimo do que forman parte estaleiros e carpintarías de ribeira, fábricas de conserva e de salgado, casetas de pescadores e lavadoiros de redes, vivendas mariñeiras, embarcadoiros, faros, lonxas, cemiterios, ermidas ou santuarios e outros restos arqueolóxicos.
Os oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro actúan sobre un territorio onde se asenta máis da metade da poboación de Galicia (o 55%) e promoveron entre 2016 e 2022 máis de setecentos proxectos que mobilizaron 80 millóns de euros de investimento público-privado, que se multiplicaron para dinamizar a economía galega cun impacto superior aos 215 millóns de euros e a xeración e participación directa, indirecta e inducida de máis de 4.500 empregos na posta en marcha de todas as iniciativas.
O GALP da Costa da Morte aglutina a 51 entidades sociais, das que máis do 20% pertencen ao sector pesqueiro, segundo indican dende a Consellería do Mar.