O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, anunciou, durante a súa visita ao Hospital de Barbanza, en Ribeira, a posta en funcionamento dun hospital de día oncolóxico no 2025, para o que xa están a traballar no plan funcional.
O obxectivo é “evitarlles aos pacientes de cancro o esforzo e as molestias que supoñen os desprazamentos frecuentes a Santiago para someterse aos tratamentos programados. E algo posible e viable e o noso compromiso é materializalo”, incidiu Gómez Caamaño. Xunto a esta prioridade, o conselleiro sinalou que traballan noutros compromisos adquiridos para mellorar este hospital, entre os que citou a creación dunha área de críticos e a ampliación da área de hospitalización.
Na súa visita estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta, Belén do Campo; polo xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada; e polo xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, e remarcou que os hospitais comarcais “son imprescindibles para achegar unha asistencia sanitaria de calidade e evitar desprazamentos innecesarios”.
Subliñou ademais as melloras levadas a cabo no Hospital de Barbanza, que da cobertura a máis de 62.000 persoas. Entre elas destacou a renovación da climatización e reparación da fachada, a posta en marcha do heliporto ou a reforma do segundo andar para ampliar as consultas externas. Unha das accións máis destacadas foi a ampliación do centro, por medio dun investimento de case dous millóns de euros que permitiu aumentar un 40% a superficie total da área de urxencias, acadando unha superficie construída de case 1.100 metros cadrados.
No proceso de mellora das infraestruturas, a Xunta tamén o dotou o hospital dun novo laboratorio de análises clínicas cunha achega de máis de 150.000 euros, que posibilitou a ampliación en máis dun 60% a súa capacidade, ata os 200 m2.
Gómez Caamaño lembrou que este hospital converteuse no 2012 no primeiro de España en obter a certificación de xestión de riscos para a seguridade do paciente do seu servizo de diálise. Ademais, implantouse unha nova área de endoscopias e realizáronse melloras no equipamento, entre eles un novo TAC, un ecógrafo e un equipo radiocirúrxico, cun investimento da Xunta por valor de 1,1 millóns de euros.
No apartado de persoal, a lei que permite cubrir prazas de difícil cobertura facilitou a incorporación de sete novos especialistas en anestesioloxía e reanimación, medicina interna, pediatría ou radiodiagnóstico.