A ANPA do CEP Xosé María Brea Segade de Rianxo expresou a súa preocupación pola “discriminación” que di estar sufrindo o centro por parte da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP alegando que “non se está cumprindo a normativa en canto á ratio de alumnos por aula”.
O citado colexio leva formando dende o 1984 aos nenos das parroquias de Taragoña e Araño.
Na etapa de Infantil, a maioría fórmanse no Centro Rural Agrupado (CRA), nas escolas de Outeiro, Cruceiro, Cuvide e Capela. En Primaria, trasládanse ao Brea Segade. A ANPA di que “no rematado curso escolar de 2º de Primaria detectouse no centro unha situación de colapso educativo, dende o momento en que eses nenos cursan 1º de Primaria” e que “había unha aula de 21 nenos e nenas, dos cales un 40% necesitaban unha atención especializada para o seu desenvolvemento académico e persoal”. “Esta situación leva manifestándoselle dende a dirección do centro á Consellería dende 2021, e nunca se obtivo ningún tipo de axuda para poder solucionar este problema”, engade.
“No vindeiro curso, esta aula que pasa a ser de 3º de Primaria increméntase en 25 nenos e nenas, e segue a haber ese 40% con necesidades académicas especiais. Ás necesidades que xa había súmanse as que chegan do CRA, polo que a ratio real de aula ten que considerarse de 26 alumnos, de acordo coa lexislación, esperando a que se incremente en 27, porque se está á espera de que se recoñeza unha nova discapacidade do 33%”, explican dende a ANPA.
Por iso, o colectivo insta a Educación a facer o desdobre desa aula de 3º e a asignar o profesorado necesario para o centro.