Nas festas de Ribeira, desde hoxe 31 de xullo e ata o 4 de agosto, Non faltará a música. Haberá concertos, Verbenas e tamén o Urban Fest. O prato forte son as actuacións de Efecto Mariposa e La Fuga. O auténtico verán comeza en Ribeira este mércores coas dianas e alboradas ás 11.00 horas.
Na praza Porta do Sol haberá, unha hora máis tarde, o espectáculo infantil e familiar Atemporal do Mago Charlangas. Ás 22.00 horas está prevista a lectura do Pregón, con chupinazo e un pequeno espectáculo pirotécnico. A orquestra Los Satélites amenizará a verbena.
O xoves 1 de agosto tamén haberá festa para os pequenos da casa co espectáculo de monicreques de Cachirulo. Na hora da comida será o concerto de Maricarmen e, pola noite, será a quenda da París de Noia na explanada da Lonxa vella. O 2 de agosto, desde pola mañá, haberá inchables e o mercadillo solidario A Creba. A sesión vermú contará coa música de Sones Negro y Alfredo Tejada.
Ás 22.30 horas comezarán os concertos de Efecto Mariposa e La Fuga. A verbena será coa orquestra Kubo.
Marcos Teira actuará o sábado 3 de agosto ás 13.30 horas. Pola tarde haberá misa na honra da Virxe do Carme cantada pola Coral Polifónica do Círculo Mercantil, seguida de procesión marítima acompañada pola Banda de Música Eduardo Pondal de Ponteceso.
De noite, a orquestra Los Players animará a verbena no Malecón, mentres que na praza de España será o Ribeira Urban Fest. Ás 00.00 horas, Pedrá dará un concerto tributo a Extremoduro na Praza de Pontevedra.
O domingo remata a festa coa sardiñada amenizada por Amores de Barra. De noite continúa o Ribeira Urban Fest e tamén actúa a orquestra Platinum. Como colofón: o gran combate naval con espectacular queima de fogos de artificio.