A maior parte da veciñanza da parroquia de Cornanda (Brión) acudiu, coa plataforma Non a balsa Cornanda-Tambre, este 25 de xullo de 2024 á manifestación polo Día de Galicia en Santiago, manifestando «unha vez máis o seu absoluto rexeitamento ó proxecto de solicitude dun aproveitamento hidroeléctrico no río Tambre que afecta directamente ás aldeas de A Graña, Vilariño, Cornanda, Busto de Frades e Alfonsín, promovido polas entidades Naturgy Generacion, S.L.U., Espiral Renovables, S.L., e Green Capital Power, S.L», aportaban dende a organización.
“Non á balsa” foi o grito ao unísono que manifestou que ningún veciño quere «semellante aberración de proxecto» na proximidade das súas casas que non deixa retorno económico de ningún tipo para eles en contraprestación ó perxuizo ocasionado, sendo pola contra algo meramente especulativo para os beneficios duns poucos, continuaban os membros da plataforma. Ademais, quixeron deixar claro que «non se quere este proxecto, por non ser necesario, por non ser transparente, por ser perxudicial para economía dos habitantes das aldeas afectadas, pola afección medioambiental, pola afección a ría de Noia e o seu motor económico que é o marisqueo, e por sentirnos desamparados por parte da administración e porque se o que se pretende por parte desta é o fomento do rural, isto non ten sentido algún», lamentaban.
Deste xeito, quixeron esixir á Xunta de Galicia e a Augas de Galicia que denegen a solicitude de dito aproveitamento hidroeléctrico «e que mire polos intereses dos veciños e non polos dunhas empresas privadas, xa que está en xogo o futuro de moitas familias».