As Comunidades de Montes Veciñais en Mancomún (CMVMC) de Baroña (Porto do Son) e Froxán (Lousame) exerceron de anfitrioas na primeira reunión da Rede de Áreas Conservadas por Comunidades Locais e convertéronse en referentes para preto de medio cento de propietarios de montes de Galicia e Asturias polos seus modelos de “aproveitamento multifuncional”.
O encontro, programado no marco do proxecto Comunidades Activas e Paisaxes Resilientes a Incendios Forestais e Cambio Climático (CAPRIF-CC), arrancou a primeira hora do sábado cunha reunión na Casa Forestal de Baroña, na que o director da Fundación Montescola, Joam Evans, foi o encargado de explicar os obxectivos desta iniciativa: intercambiar experiencias e fomentar a aprendizaxe conxunta en ámbitos como a conservación da biodiversidade, a prevención de incendios e a adaptación ao cambio climático. Despois, os participantes visitaron a contorna dos muíños e a capela de San Tomé, nos montes de Baroña e, xa pola tarde, desprazáronse ata a zona piloto de actuación nos montes de Froxán.
O presidente da CMVMC de Baroña, Ovidio Queiruga, explicou o modelo de “aproveitamento multifuncional” do monte desta comunidade, que trascende a explotación forestal da madeira e conxuga o aproveitamento doutros recursos como o gando (cabalos, vacas, cabras e ovellas), a resina dos piñeiros, os froitos do bosque, a micoloxía, os usos turísticos e socioculturais, a enerxía eólica ou a xestión da auga, entre outros.
Ovidio Queiruga avogou “polo aproveitamento complementario de todos os recursos que ofrecen os montes, porque de forma individual non hai ningún que dea cartos suficientes para poder subsistir unha comunidade de montes”.
No transcurso do encontro, as comunidades participantes tiveron a oportunidade de intercambiar experiencias, avanzar na aprendizaxe mutua e debater sobre os problemas e desafíos comúns, coa finalidade de poder deseñar solucións e proxectos conxuntos.
Esta foi a primeira visita das cinco saídas de campo que se programarán ao abeiro do proxecto CAPRIF-CC, que se desenvolverá ata finais de 2025 en Galicia e Asturias e que pretende amosar como é posible transformar os territorios, protexéndoos fronte ás ameazas e poñendo en valor os aproveitamentos multifuncionais do monte.
Financiación europea
O proxecto CAPRIF-CC está impulsado pola Fundación Juana de Vega, a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER), a Fundación Centro Tecnolóxico e Forestal da Madeira (CETEMAS), a Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) e a Fundación Montescola, e conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea cos fondos Next GenerationEu.