O pequeno municipio de Dodro destaca polos seus paraxes naturais e os seus entornos incomparables, pero tamén dispón dun elemento que non todos coñecen. Na localidade existe un elemento arquitectónico único e singular, o Pozo do Conxeiro (Eiró).
Este pozo está vencellado ao cultivo e produción do liño destinado á actividade téxtil da Comarca do Sar, entre os séculos XVIII-XIX. Foi construído polos veciños de Eiró para afogar o liño que se cultivaba na aldea. A planta (liñaza) sementábase a finais do mes de abril e apañábase no mes de xullo. Atábase en mollas e logo empozábase entre 9 e 15 días, para que a casca dos talos amolecese e saíse mellor, antes de secalo e mazalo. Ademais de lugar de traballo comunitario este pozo era un espazo de reunión e rexouba veciñal, protexido pola sombra do carballo centenario que se ergue ao seu pé.
Co paso do tempo os traballos do liño foron abandoados, a poboación adoptou os tecidos industriais mais o Pozo do Conxeiro seguiu empregándose para regar os cultivos e lavar a roupa da aldea de Eiró.
Esta construción é única pois na Comarca do Sar, no Baixo Ulla e no Barbanza non se coñece nin se conserva ningunha das súas características e finalidade. En moitos lugares de Galicia fálase de corgo ou corga como corpo de auga, natural ou artificial, no que se mete o liño para enchoupalo e así separar a estopa da liñaza. Feito que nos fai pensar que seguramente os pozos de liño máis estendidos no territorio fosen os propios ríos ou pozas.