Un total de sesenta e sete estudantes de Bacharelato e do Ciclo de Técnico en Coidados Auxiliares de Enfermaría do IES Agra de Raíces, de Cee, protagonizaron unha animada gala de graduación que tivo como marco o Auditorio Baldomero Cores. Unha festa que foi animada musicalmente polos propios alumnos do centro, á que se sumaron representantes municipais, docentes, familiares e amigos.
Ademais, o vicedirector Fernando Casanova anunciou ao remate da gala a consecución dun novo ciclo na rama de sanidade para o vindeiro curso 2024/25. Trátase do ciclo superior de hixiene bucodental, co que o IES Agra de Raíces segue aumentando e complementando a súa oferta formativa.
No acto tamén interviu o director do instituto, Manuel Antelo, quen pediu ás alumnas e alumnos que remataron os seus estudos no instituto ceense que «alá onde vaiades e o futuro que teñades nunca vos esquezades que vindes do ensino público».