A produtora audiovisual Serea Films, con sede no Milladoiro (Ames) vén de recibir o sábado o premio Mestre Mateo ao mellor documental por Os espazos en branco, co que o director, Bruno Arias, afonda na figura pública de Xela Arias para atopar nela unha persoa: a súa tía. Serea Films conta cun posto no espazo colaborativo A Proa. Ademais, Serea Teatro, que forma parte de Serea Producións, realizou unha residencia no auditorio da casa da cultura do Milladoiro para preparar a obra de teatro A luz do día, nalgún lugar do mundo, a algunha muller, dirixida por Noelia Papín e que foi estreada o 14 de decembro no Milladoiro.