Vida enteira dedicada ás artes escénicas, aos temas comprometidos e á lingua galega. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia recoñece a actriz María Barcala co premio de honra Marisa Soto. Barcala recollerá o premio na gala dos María Casares, no teatro Rosalía de Castro o vindeiro xoves 21.
Premio á traxectoria tras toda unha vida dedicada ás artes escénicas.
Si, así é. Era a miña arela da infancia, con todas as dificultades que hai, mellores ou peores momentos, pero é a miña vida: 45 anos dedicada a este oficio.
Cal é o seu xeito de entender o teatro?
A min o teatro interésame dende un punto de vista de servizo público, que teña algo que comunicar e que falar coa sociedade na que un está inmerso. É a miña maneira de entender o oficio. Pode ser un teatro de puro divertimento, pero non é o teatro que eu fago, nin ao que eu me dediquei. É un teatro de texto. A lectura previa é fundamental; como a escolla dos autores ou textos que teñan temas de interese para poñelos en escena e diálogo co público ao que van dirixido. No meu relatorio de espectáculos hai cousas do máis variado. A última peza coa que estiven era unha dramaturxia de textos, en prosa e verso, de Rosalía. Collemos a súa obra e estudámola a fondo. Saíu unha dramaturxia para ofrecerlle ao público o pensamento que Rosalía deixou escrito na súa obra. Esta é unha experiencia na que a dramaturxia se fixo sobre os ensaios, pero non é o habitual.
Que é o habitual?
O habitual é coller un texto, como pode ser Memoria de Helena e María, de Roberto Salgueiro, polo interese do texto, en tanto que facía unha referencia á memoria histórica, ás mulleres, ao sufrimento delas na guerra e na posguerra nosa, a través dese texto. Quen di isto, di Helena e xuízo a unha lurpia, de Miguel del Arco, no que a través da mitoloxía e dos tempos, afóndase na situación da muller nas guerras ao longo da historia. O que fai Miguel del Arco é darlle voz a Elena de Troia, que non ten voz na Ilíada. Ela fala, e dá a súa opinión de por que se produciu esa guerra, de como as mulleres son utilizadas como moeda de cambio nas guerras. Isto é o que a min me atrapa, me interesa, e o que trato de poñer en pé. Acabamos de conmemorar o XX aniversario do 11-M. Montamos un texto no que collía como personaxe unha muller que perdeu un fillo nese atentado, A charca inútil.
Como foron eses comezos, hai máis de 40 anos, con todo por facer e co país saíndo dunha ditadura? Especialmente, para as creadoras que querían facer un teatro máis transcendente ou comprometido.
Nos inicios, hai 40 anos, non había nada, practicamente nin teatros para levar os espectáculos que faciamos. O teatro Rosalía estaba, e outros similares, pero non se facía teatro deles. Eu era moi nova, e cando un comeza, hai moitas ganas de facer, non hai nada que te pare. Eu comecei no 79. As primeiras persoas coas que eu empecei a traballar foron Vidal Bolaño e Laura Ponte, na súa compañía Antroido, en Santiago. Inmediatamente, despois diso, fun socia fundadora da compañía Teatro da Mari Gaila. Todo isto foi anterior ao inicio dunha etapa moi importante para o teatro, a creación do Centro Dramático Galego, no 84. Eu xa estaba aí. Púxose en marcha porque hai un cambio radical en todo o país: morre o ditador e empeza o estado de Autonomías. Fixo que moitos actores e actrices galegas que marcharan a Madrid porque non había nada, nin teatros, nin escolas, deciden regresar a Galicia. Aconteceu a nivel de todo o estado. Toda a xente que quería facer teatro viaxaba a Madrid na España daquel momento. Cando morre o ditador, a xente comeza a regresar.
Había xa unha pulsión de empezar a construír a cultura do país.
Si. Estes galegos que regresan, atópanse con outra xente que, por outras circunstancias, estabamos aquí querendo facer teatro. Hai unha unión de toda esa xente, empezan a aparecer as primeiras compañías profesionais: Artello, Troula na Coruña, Antroido que xa estaba… durante uns anos, faciamos os espectáculos, pero como o circuíto era tan pequeno, había que facer versión castelán para ir a estrear a Logroño ou a Marbella para sobrevivir e manter unha compañía galega. No 84 hai un feito moi especial, que é que se nomea director de Cultura a Luis Álvarez Pousa, que decide chamar aos axentes culturais, e, conxuntamente, poñer en marcha aquelas cousas que podían ser de interese para cada sector. No teatro, o que demandabamos era un circuíto de exhibición dos espectáculos, pero non callou esa idea. O que fixeron foi comezar o Centro Dramático, e aí pegouse un salto moi grande na profesionalización de toda a xente que estabamos naquel momento.
A Asociación destaca a súa achega na profesionalización do gremio en Galicia. Como foi?
Non foi fácil, nin o é agora. O noso oficio, aquí en Galicia, aínda ten moito que camiñar ata que se consolide, pero eu xa estaba aí, efectivamente, como outras mulleres. Anos máis tarde, na Coruña, antes de trasladarnos a Culleredo, Xulio Lago e máis eu creamos Teatro Atlántico. Esta compañía é coa que levo dedicado durante estes 36 ou 37 anos a crear, canto menos, un espectáculo novo cada ano. Iso supón un traballo como creadores, pero tamén, de algún xeito, empresarial.
Como xestores culturais, tamén.
Non sei se como xestores, mais si como axentes culturais. Na medida na que produces un espectáculo, contratas actores, técnicos, demándanse as necesidades, consíguese que os teatros se abran ás compañías, que se cre unha escola de arte dramático… Isto non é que apareza porque un político teña unha idea xenial, senón porque hai un amplo sector ao que eu pertenzo, que pelexamos moito ao longo destes anos, solicitando, facendo ver a necesidade de todo isto. Se non se demanda, non se obtén, as cousas non aparecen de xeito espontáneo. É unha pelexa, porque hai algunha xente que ve esa necesidade. Pelexas por iso e, pouco a pouco, fóronse conseguindo algunhas cousas. Hai unha grande diferencia entre o teatro en Galicia en 2024 e o que era no 1979. Hai moito, con todo, que bregar aínda, pero conseguiuse moito. Síntome orgullosa da xeración que me tocou vivir. Eu son unha parte mínima desa xeración, que fomos os que nos tocou poñer as primeiras pedras para a construción do tecido teatral dese país.