A partir do próximo luns, 5 de febreiro, a Universidade de Santiago pon en funcionamento a aplicación ‘Menú USC’ na Tarxeta Universitaria de Identidade (TUI) como un sistema de descontos para estudantado e resto de membros da comunidade universitaria nos menús das súas cafeterías. A medida implántase despois dunha moción presentada no Claustro do pasado mes de novembro. O estudantado e o persoal de iniciación á investigación poderá acceder a menús completos por un prezo de 6,5 euros, mentres que este mesmo servizo terá un custo de 7,5 euros para o resto da comunidade universitaria. Para o público xeral o prezo do menú será de 8,5 euros.
“As cafeterías pasarán o lector da TUI e identificarán á persoa segundo a intensidade do pitido, sen necesidade de mirar máis nada. Se alguén utiliza unha tarxeta falsa dará un pitido de erro”, comenta en detalle o xerente da USC, Javier Ferreira. Tendo en conta que é a primeira vez que se vai a utilizar, dende a institución compostelá trasladóuselle ás cafeterías que “é preciso que teñan unha certa benevolencia polos posibles erros que se poidan producir nos primeiros días”. Con todo, Ferreira confía en que non haxa maiores problemas, partindo de que os traballadores das mesmas “xa coñecen á maioría dos usuarios”.
En Santiago, poderase acceder ao menú a prezo reducido nas cafeterías dos Colexios Maiores de Fonseca e Rodríguez Cadarso, nas das Facultades de Ciencias da Comunicación, Ciencias da Educación (Campus Norte), Ciencias da Educación e Psicoloxía, Económicas e Empresariais, Filoloxía, Matemáticas, Medicina, así como nas que da Residencia Universitaria Burgo das Nacións, no Edificio Docente Roberto Novoa Santos, na Escola Técnica Superior de Enxeñaría e tamén no SEU.
Durante a primeira semana irase avaliando o seu funcionamento. “Creo que vai a estar ben valorado. É un avance importante e seguimos traballando nesa discriminación positiva para os membros da USC respecto aos prezos en xeral”, anuncia Ferreira. Tamén hai a intención de que nun futuro próximo poida servir para a determinación dos prezos que pagan as cafeterías por utilizar os espazos da universidade. Na actualidade “determínanse fundamentalmente en función dos metros cadrados que ocupan e por posibles usuarios, pero non discriminamos se son membros da comunidade universitaria ”, apunta. Entre outros fins está a incorporación á app dos 1.400 bonos comedor emitidos ao alumnado con peor situación económica. Así, “deixaríanse de utilizar en formato papel”.
Satisfacción entre os estudantes
Pola súa banda, dende o Consello do Estudantado da USC móstranse satisfeitos coa implantación desta aplicación. “Era necesario marcar diferenzas porque o estudantado e os investigadores predoutorais teñen un nivel económico menor”, sinala o seu vicepresidente, Andrés Couso, quen asegura que houbo unha boa comunicación coa xerencia.
Cando a principios do curso académico se anunciou que se ía subir o prezo dos menús de 6,60 a 7,50 euros de xeito xeral, dende o Consello de Estudantado contactaron coa xerencia para propoñerlle que estipularan unha diferenza de prezos en función do colectivo. “Dixérannos que non era posible porque non había medios para que as cafeterías o poideran levar a cabo”, conta Couso, quen recoñece que quedaron sorprendidos en decembro ao enterarse de que se iba a estudar.
Javier Ferreira quedara en falar con eles en canto estivera todo a punto. Así, o pasado venres, 26 de xaneiro, o propio Couso reuniuse con Ferreira e a vicexerenta, Pilar Martínez, para coñecer os detalles da aplicación e os prezos finais. Sobre ese aspecto manifesta que “sempre aspiran a un menor custo, pero entenden que a subida da inflación afecta ás cafeterías”.