Gosto de camiñar e, por circunstancias da miña vida profesional e persoal, camiño todas as semanas dúas ou tres das nosas sete principais cidades e algunhas das súas vilas. Tamén por circunstancias falo con moita xente de fasquía e orixe ben plural. Pois, malia todo o que nos di Núñez Feijóo, ninguén me fala da amnistía, da unidade do Estado, de ETA nin de Catalunya ou de Puigdemont.
Non. Malia que son dos que penso que o CIS de Tezanos errou un lote de veces ao longo dos case seis anos do seu mandato, desta volta acredito nalgúns dos dados reflectidos no recente inquérito do CIS. As preocupacións da cidadanía galega son a economía, o emprego, a vivenda, o ambiente, a viabilidade económico-social futura da nosa sociedade e outras realidades ben parellas e conectadas ás devanditas. E case o 70% das persoas obxecto da enquisa non só prefiren que o debate electoral transite polos regos da axenda galega, senón que mesmo semellan esixilo. Diante desta realidade se for Alfonso Rueda estaría bastante preocupado pola “xira da amnistía” que comezou onte Feijóo e disque vai rematar na finde vindeira.
Velaí como as dúas caravanas do PP nesta próxima campaña (a de Rueda e a de Feijóo) teñan diante de si o alto risco de confrontar se prefiren unha campaña sobre a nosa axenda galega ou unha tournée arredor dos problemas da axenda madrileña, que a cidadanía galega semella ollar cun interese entre nulo e moi reducido.
A menos de tres días do comezo -oficial- desta campaña das nosas nacionais, semellan acaídos dous apuntamentos a respecto dese suposto risco de “multipartito” do que falan o PP e o seu candidato Rueda. Todos os inquéritos coinciden na imposibilidade de Podemos-Alianza Verde de quitar representación parlamentaria e na extrema dificultade de que Sumar Galicia poida quitala. A dinámica de mobilización e concentración do voto, que semella vai ser potenciada pola dinámica da vindeira campaña, afasta esa ladaíña multipartita na que terma de argumentar o PP. Semella ben máis probábel que o PP dependa do freakismo de determinadas opcións ourensanas ca de que BNG e PSdeG dependan de terceiros.
A opción alternativa ao PP no goberno da Xunta é, nomeadamente, dual (cunha moi definida vantaxe para o BNG). Mais de ningún xeito é unha alternativa de goberno fragmentada, dispersa ou incompatíbel entre os seus elementos nucleares, como o acreditan e teñen acreditado ducias de gobernos locais e territoriais e mesmo a importante, malia que certamente mellorábel, experiencia galega de 2005-2009.