A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ordes levou á prestixiosa Feira Internacional de Turismo de Madrid as múltiples posibilidades turísticas coas que conta grazas ao seu amplo e diverso patrimonio acuático.

A presidenta do ente supramunicipal, Susana García, exerceu de anfitrioa do acto de presentación da iniciativa bautizada como ‘Augas de Ordes’, no que estivo acompañada por representantes institucionais dos municipios que integran a Mancomunidade. Durante a súa intervención puxo en valor os numerosos espazos fluviais dos que dispoñen os sete concellos que a integran, desde os seus ríos ata os encoros e mesmo o Aquapark de Cerceda.

Tamén fixo fincapé no valor patrimonial e o arraigamento destes espazos, destacando que “os ríos que discorren polo noso territorio conéctannos coas nosas raíces, son sinónimos de vida e de desfrute, albergan tesouros que moitos tivemos a sorte de gozar durante anos e que agora queremos poñer a disposición de quen nos visita”.

A iniciativa ten por finalidade complementar o catálogo de rutas guiadas a través dos diferentes concellos que integran, e que xa están dispoñibles na web. Entre elas, a Vía Verde, a ruta natural máis extensa de Galicia ou o Camiño Inglés que atravesa a comarca e desemboca en Santiago. Feiras e festas tradicionais, gastronomía ou arte urbano son outros dos atractivos presentados en Fitur.

A iniciativa, posta en marcha coa colaboración da Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, reafirma o afianzamento da Mancomunidade desde a súa consolidación como xeodestino no ano 2022.