A Universidade de Santiago vén de aprobar o Plan de Internacionalización 2024-2026 co fin de contribuír á mellora da calidade da docencia, a investigación e o desenvolvemento dos seus servizos. O Plan, resultado dun proceso de elaboración conxunta nos que conflúen representantes dos distintos colectivos da comunidade universitaria, foi aprobado por unanimidade na sesión do Consello de Goberno celebrado este xoves no no Centro de Estudos Avanzados da USC, e contará cun orzamento total de 2.100.000 euros. Distribuirase por anualidades: 660.000 euros para o ano 2024; 700.000 para o 2025 e 740.000 para o 2026. A maiores o Plan poderá ter un financiamento adicional de 210.000 euros para o último ano no caso de que “no 2025 se observe que se cumpran unha serie de indicadores”. Así o detallou en conversa con EL CORREO a vicerreitora de Titulacións da USC, María José López Couso.
O anterior Plan de Internacionalización correspondía ao ano 2017-2020. “Quedou parado coa irrupción da covid e nos posteriores anos non se pensou en facer porque non había mobilidade. Pasado ese período vimos que era fundamental implementalo”, asegurou López Couso.
Decidiuse facer unha análise “pausada” entre o ano 2018 e o 2023 para analizar a situación da internacionalización na universidade. Tratáronse seis ámbitos: a proxección e visibilización internacional; a mobilidade universitaria; a atracción de estudantado e PDI estranxeiro; a internacionalización da oferta docente; os proxectos de investigación, innovación educativa e cooperación territorial, e o desenvolvemento do modelo de internacionalización na casa.
“A internacionalización é unha sinal de identidade da propia USC que pode reverter directamente na atracción de talento e recursos”
Unha vez realizada esa análise articuláronse cinco liñas estratéxicas do Plan: o impulso á coordinación e consolidación de estruturas, recursos e procesos de xestión eficiente da internacionalización (128.000 euros); a potenciación da visibilidade e posicionamento internacional da universiddade (541.000 euros); o fomento da internacionalización da docencia e da investigación (846.000 euros); o impulso á mobilidade física, híbrida e virtual (521.000 euros), e o reforzo da internacionalización na casa (64.000 euros).
Esta planificación para os vindeiros anos pretende reforzar a reputación da USC e aumentar a súa visibilidade e recoñecemento no ámbito internacional, consolidándoa como institución de referencia para a captación de estudantado e para a atracción de talento académico e investigador. O seu desenvolvemento tamén axudará a incrementar a competitividade global da USC promovendo a súa participación no marco de alianzas, foros e asociacións, así como a colaboración con organismos e institucións de educación superior e investigación internacionais, entre outros obxectivos.
Para López Couso a internacionalización non deixa de ser “unha obriga das institucións educativas superiores”, polo que “non conseguir retos neste ámbito suporía quedarse atrás”. A vicerreitora define este concepto como unha “estratexia global das universidades que debe ir máis alá da mobilidade do estudantado e profesorado ou o posicionamento das universidades en ránking internacionais”.
Tras aprobarse o novo Plan de Internacionalización no Consello de Goberno, agora é o momento da súa implementación para a que será precisa a colaboración da comunidade universitaria. A internacionalización, é en palabras de López Couso, “unha sinal de identidade da propia USC que pode reverter directamente na atracción de talento e recursos”.
Outras cuestións tratadas en materia de PDI e titulacións
Na xuntanza tamén se aprobou a oferta de 25 prazas da convocatoria do Programa Ramón y Cajal 2023 que ten como obxectivo a incorporación no Sistema Español de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación de persoal investigador con traxectoria destacada. A proposta de cinco candidaturas para as axudas do Programa Beatriz Galindo 2023 foi outra das cuestións tratadas na reunión. Estas axudas teñen como principal obxectivo a atracción de talento investigador que teña realizado parte da súa carreira profesional no estranxeiro.
As declaracións de intencións aprobadas para os mestrados universitarios en Prevención e tratamento das drogodependencias e condutas aditivas, Xestión de Arte e Patrimonio Cultural, así como Culturas Urbanas conforman o inicio do proceso de elaboración da memoria destes títulos para abordar a súa viabilidade. O Consello de Goberno tamén aprobou as declaracións de intencións de modificacións substanciais para oito titulacións de grao, seis mestrados universitarios e 17 programas de doutoramento para adaptalos á lexislación vixente.
Tratouse, ademais, o réxime xurídico do Delegado de Protección de Datos da USC, os premios extraordinarios de grao e mestrado do curso 2022-2023, as vacantes nas comisións delegadas do Consello de Goberno e a renovación da Comisión de Avaliación de Conflitos, entre outros asuntos.