Na nova edición do Santiago(é)Tapas, que se celebrará entre o 15 de febreiro e o 3 de marzo, haberá un total de 41 establecementos participantes, tres máis dos inscritos o ano pasado, cando se celebrara no mes de novembro. Finalizado o prazo de inscrición en Santiago (é)Tapas, o concurso continúa adiante esta semana con sesións diarias no local da Asociación Hostelería Compostela, nas que os participantes deberán cociñar as súas propostas diante dun xurado conformado por dous profesores da Escola de Hostalaría de Lamas de Abade, que se encargará de revisar a receita e garantir a calidade das tapas presentadas a concurso.
Cada participante poderá presentar ata 2 tapas, incluso tres se unha delas está na categoría de sen gluten ou vegana. Ademais, durante a sesión tamén se realizarán as correspondentes fotografías que se utilizarán na cartelería.
A concelleira de Turismo, Míriam Louzao, acompañada da presidenta da Asociación Hostalaría Compostela, Sara Santos, e Flavia Ramil, xerente de Turismo de Santiago, asistiu esta mañá ao proceso de preselección de Santiago(é)Tapas, incidindo na importancia da colaboración publico e privada. Louzao destacou que agora se aposta pola “desestacionalización do producto turístico”, de aí o cambio de datas do evento gastronómico. Santos e Ramil agradeceron a participación dos locais inscritos.
As tres, xunto con organizadores e patrocinadores do evento, tiveron a oportunidade de ver a elaboración e logo probar dúas tapas: un rabioli de boi de mar con bechamel de algas e con salsa americana clásica e algas purulina en polvo, tapa presentada por Cacao na modalidade de tradicional e marinado con viño, e a continuación un taco de millo con xamón asado á brasa, pico de galo e cilandro de La Chida, como proposta de tapa creativa con marinado de cervexa. A primeira delas cociñada por José Ramos Lago, coa axuda de Alberto Lareo, quen despois se encargou de preparar o taco de La Chida.
“Somos dous espacios novos na cidade e queremos que a xente da cidade se acerque máis a nós e vexan o que facemos”, asegura Lareo.