O concelleiro carballés e vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, asistiu ao consello parroquial de Noicela-Rebordelos para informar á veciñanza que está previsto acometer este ano a mellora do firme da estrada de acceso á Pedra do Sal. Además, iniciaranse os trámites para a futura ampliación da vía, dado que a cesión dos terreos necesarios quedou desbotada tras numerosos intentos que non frutificaron, polo que só queda a opción de expropiar o solo.
Regueira apuntou que o proceso leva o seu tempo e que, como moi pronto, os trámites para a ampliación da estrada e a mellora da seguridade peonil mediante a construción dunha senda poderían empezar cara finais de ano, polo que, no mellor dos escenarios posibles, a vía podería estar en obras no 2025.
A veciñanza presentou tamén unha listaxe de cuestións, coma o proceso para o desenvolvemento do plan especial da Pedra do Sal, ou a extensión do proxecto do ciclo integral da auga comprometido pola Xunta e do que aínda non hai novas.