O audiovisual de Galicia xa se prepara para os seus premios anuais, os Mestre Mateo, que celebran a súa vixésima segunda edición. E é que a Academia Galega do Audiovisual acaba de pór en marcha as votacións para escoller os candidatos finalistas. En total, presentáronse aos galardóns 173 producións, o que implica un pequeno descenso de traballos con respecto ao ano anterior (foron 21, en concreto). Con todo, esta nova edición conseguiu un récord de participación nas categorías de longametraxe, programa e curtametraxe.
No listado de mellor longametraxes atópanse filmes tan recoñecidos como O corno, agraciado coa cuncha de Ouro no Festival de San Sebastián. Tamén é candidata O Soño da Sultana, galardoada no prestixioso festival donostiarra e Matria e Sica, aclamadas na pasada Berlinale. Atópase tamén Cando toco un animal, presente na selección oficial do Festival internacional Rizoma e do Atlántida Film Fest e Amigos hasta la muerte, que tivo a súa premiere no Festival de Málaga. Nesta lista están presentes ademais Fatum, un dos filmes máis vistos do ano en Amazon Prime e a película de ciencia ficción aclamada pola crítica ¡Salta!.
Respecto ás curtametraxes este ano é salientable o incremento de traballos presentados en comparación coa anterior edición: un 36,6% máis. É especialmente destacable o número de obras presentadas na categoría de animación, xa que son o dobre que en 2023. De igual forma, desta vez incrementáronse nun 21,2% os traballos que compiten na categoría de mellor programa.
O audiovisual seriado mantén o mesmo número de obras candidatas que na edición pasada. Hai en concreto 4 series de televisióm e 11 series web. Entre as producións que optarán ao premio están Motel Valkirias, Saudade de ti, Os argonautas e a moeda de ouro e Rapa.
Con respecto aos actores e actrices atópanse nomes como o de María Vázquez, Biznaga de Ouro como Mellor Actriz no Festival de Cine de Málaga e candidata a mellor actriz protagonista; Álvaro Gago, finalista na categoría de mellor dirección novel na presente edición dos Premios Goya; comunicadores como Roberto Vilar, Eva Iglesias, Boris Izaguirre ou Esther Estévez (premiada nas dúas últimas edicións dos premios) e directoras como Jaione Camborda, Isabel Herguera ou Olga Osorio. Luis Tosar, un dos profesionais máis veces finalista ao longo da historia dos Mestre Mateo repite candidatura como mellor intérprete protagonista, categoría na que tamén se atopan Álex García, Javier Cámara, Javier Veiga ou Tamar Novas, vencedor nesa categoría na última edición.
Menor presenza feminina
As categorías técnicas contan cunha notable menor presenza feminina. En dirección de fotografía tan só hai un 9,5% de mulleres fronte ao 90,5% de homes. Só hai un 10% de realizadoras e o 90% son homes e en son a porxentaxe feminina é do 19,2%. Ademais só hai 7 directoras candidatas fronte a 22 directores.
Moi diferente é a situación se nos imos ao eido da maquillaxe, onde hai unha maioría aplastante de mulleres: un 95,5% de candidaturas femininas e só un 4,5% de candidatos masculinos.
Como curiosidade hai que indicar que non existen candidatos masculinos na categoría de mellor vestiario e non hai compositoras que opten á mellor música orixinal.
Uso do galego
O uso da lingua galega é o que predomina nos candidatos desta nova edición dos premios. E é que das obras presentadas, un 65,3% teñen a súa versión orixinal en galego. Con todo, hai que dicir que se produciu unha baixada en dous puntos con respecto á edición pasada.
Este primeiro prazo de votación estará activo ata o 31 deste mes ás 12.00 horas. Durante este periodo de tempo, os académicos escollerán as candidaturas finalistas dos XXII Premios Mestre Mateo. E unha vez anunciadas vaise abrir un segundo prazo para elixir ás gañadoras, que se coñecerán na gala de entrega dos galardóns do audiovisual galego.