Antonio Míguez (Santiago, 1979), como membro do equipo de investigación de Memoria Democrática da Universidade de Santiago, leva dende o ano 2021 exhumando fosas do tempo da guerra de 1936-1939 e da posguerra en Galicia. En conversa con este medio pon en relevancia o valor da memoria histórica e explica todo o traballo que hai detrás da apertura dunha fosa, así como o papel da sociedade neste ámbito e a documentación xerada.
Que importancia diría que ten a memoria histórica para a actualidade?
Con esta pregunta podo centrarme no valor das fosas, que de algunha maneira traen algo do pasado ao presente, o tema da memoria. Son elementos que estaban no pasado, pero que aínda seguen con nós. As fosas son unha parte dun pasado traumático e violento que causou moita dor en moita xente. Co traballo que estamos facendo estamos intentando, dalgunha maneira, dar resposta a esa demanda de atender a ese pasado que quedou mal pechado. E iso, en parte, é sobre o que trata a memoria histórica e a memoria democrática.
Dende o grupo de traballo de memoria histórica da USC localizades fosas relacionadas con crimes do franquismo ou a Guerra Civil. Cal é o principal obxectivo?
Primeiro actuamos ante un requerimento que recibimos da administración, xa que o Plan de Memoria Democrática é unha iniciativa da Secretaría de Estado de Memoria Democrática e a Xunta de Galicia. Esta última é a que nos encargou a nós que coordinaramos un grupo multidisciplinar para levar a cabo esta tarefa; atendendo a un funcionamento que hai buscar todo tipo de enterramentos irregulares que teñen que ver coa violencia que se desatou a partir do golpe de 1936 e durante os anos de guerra e franquismo e de atopar persoas que foron vítimas desa violencia e quedaron enterradas dun xeito irregular. En relación con iso está o gran obxectivo que é dar satisfacción ás familias e aos seres queridos desas persoas que reclaman o dereito a poder enterralas dunha maneira adecuada e dándolle nome e identificación xa que ás veces as persoas están sen identificar correctamente. A maiores diso tamén estamos respondendo a unha demanda de coñecemento histórico que é dar resposta a toda unha serie de preguntas sobre como foi aquela violencia, que vítimas trouxo e que consecuencias tivo para o conxunto da sociedade. Estamos facendo unha investigación xa que estamos descubrindo e aprendendo novas cousas sobre ese pasado.
A sociedade civil xoga un papel protagonista á hora de facilitar información…
Necesitamos que a xente nos axude no traballo de localización e de dar respostas a todas as preguntas que nos xorden. Dende o proxecto facemos un chamamento á colaboración cidadá en cada unha das actuacións que levamos a cabo porque moitas veces a xente que vive nun determinado concello ou parroquia ten memoria a partir dos seus familiares. Ademais, o que nós facemos tamén ten un compromiso de devolver á sociedade civil o que é parte desa memoria, un pouco esquecida ou tapada, dun pasado que foi moi traumático.
«No cemiterio de Boisaca houbo fusilamentos e enterramentos en fosas, temos que ver onde se atopan as persoas vítimas desa violencia”
Todos os traballos realizados acaban documentados?
É moi importante para que quede como algo xa non só referido ao pasado, ou que facemos agora no presente, senón que tamén quede para o futuro. Todo o Plan de Memoria Democrática ten distintas fases. Unha delas ten que ver con todo o traballo da documentación das fosas, o traballo no seu caso de exhumación e despois de análise do que son os restos, e hai toda unha parte que nos chamamos de resignificación, de darlle a todo este pasado un sentido para o futuro e tamén para o público. O que facemos é documentar todo o traballo que estamos realizando e para iso temos unha páxina web, á cal se pode entrar a través da páxina do grupo Histagra, con un informe de todas as fosas nas que fomos traballando, un total de once dende o ano 2021 que foi cando empezou a actuar este proxecto. A maiores, estamos preparando para cada un dos lugares onde intervimos unha especie de sinaléctica para que quede no lugar e que indique algunha das cuestións fundamentais do traballo e seguramente un código QR que permita levar a toda esta información que fomos recopilando.
Contemplades levar a cabo algunha actuación en Compostela?
Polo momento non realizamos ningunha actuación en Santiago, aínda que estamos traballando desde aquí e a centralidade que ten a USC é fundamental. Temos a idea de que no momento en que recibimos unha chamada pode haber unha fosa. No caso de Santiago, poderiamos pensar en facer unha actuación que teña que ver coa violencia que tivo lugar na propia cidade. Un dos lugares centrais é o cemiterio de Boisaca. Sabemos que alí se levaron a cabo diversos fusilamentos e que tamén hai enterramentos en fosas, pero non estamos certos, exactamente, de onde se atopan as persoas que foron vítimas desa violencia. Tamén temos outra fosa cerca da cidade, no Concello de Teo, que fala do momento da guerrilla dos anos 40, onde sabemos que hai catro guerrilleiros soterrados. Temos máis ou menos a localización de onde poden estar e pode que para o ano procedamos co traballo. A fosa está en Luou e sería unha acción que tería moito que ver aquí coa propia comarca compostelana.