Almacenes Moure, Alugal, Asociación Provincial de Talleres (Aptcor), Bricosa Santiago, Carpintería Illobra, Comercial Gobertel, Cotelga, Fademga Plena inclusión Galicia, Inturasa Pérez Rumbao, Neumáticos Tino Santiago, Talleres Uzalvi e Tamesa Santiago. A Asociación Área Empresarial do Tambre rendeu este xoves homenaxe a estas doce empresas situadas no polígono industrial que cumpriron vinte e cinco anos como asociadas en 2023.
O acto, que se celebrou no salón de actos do Centro Empresarial do Tambre, co acompañamento musical do Coro de voces graves ‘Crecente’ de Conxo, foi presentado polo vogal da xunta directiva da Asociación, Xavier Freire. Asistiron a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; a directora xeral do Igape, Covadonga Toca; o reitor da USC, Antonio López; e o presidente da Asociación, José Fernández Alborés, que entregaron aos homenaxeados un diploma acreditativo e un pequeno agasallo.
Durante a súa intervención, Alborés destacou que este ano estivo marcado pola inflación, converténdose así en tempos “difíciles” para as empresas e as familias. “Os elevados custos enerxéticos e de loxística, así como problemas coa subministración ou o abastecemento, supoñen un lastre para a economía”, sinalou. A pesar das dificultades, subliñou que as doce empresas homenaxeadas conseguiron superar unha sucesión de crises ao longo da súa traxectoria, o que ao seu parecer “engrandece aínda máis os seus logros empresariais”.
Nesta coxuntura, o presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre manifestou que Santiago ten que apostar “máis que nunca” pola industrialización e a innovación empresarial. “A nosa cidade anda ao redor do 7% de PIB industrial, mentres que a comarca de Compostela non chega ao 6”, apuntou, indicando ademais que son porcentaxes moi afastadas do 20% que se recomenda, un valor que, afirmou, si alcanzan Vigo ou Ferrolterra, segundo un estudo recente de Comisións Obreiras.
“Tras anos nesta tesitura que aboca a unha dependencia do sector terciario, coa ausencia de diversificación da actividade e de impulso fabril”, Alborés sinalou que “estas circunstancias levan ao empobrecemento” e sitúan á cidade, capital de Galicia, “nunha debilidade sistémica, unha situación que non se pode permitir”.
Conscientes do problema, a asociación empresarial deseñou en 2015 “un ambicioso proxecto” en colaboración coa Xunta, o Concello de Santiago, a USC e a Cámara de Comercio de Santiago, o Biopolo Sionlla, tras moitos esforzos e dificultades, segundo lembrou o presidente. “Hoxe o Biopolo Sionlla, que se inaugurará oficialmente nos vindeiros días, é unha realidade onde se asentaron este ano media ducia de empresas, pero agora urxe captar máis compañías para facer rentable a instalación e lograr o necesario desenvolvemento destes cimentos innovadores”, explicou Alborés.
Para traballar neste camiño, indicou que é fundamental a implicación das Administracións Públicas, ademais “dos agardados avances na construción do Orbital e o Orbitaliño, infraestruturas imprescindibles para o bo funcionamento de toda a área empresarial como elemento tractor na implantación de novas empresas”.
Mentres, a directora do Igape destacou durante o acto a importancia de seguir a impulsar a cooperación público-privada para promover o desenvolvemento industrial e económico de Galicia. “As distintas administracións debemos apoiar, acompañar e poñer ao dispor das empresas as ferramentas necesarias para identificar novas oportunidades para o avance da nosa industria”, apuntou Covadonga Toca, quen puxo ás empresas homenaxeadas como “exemplo claro” do espírito da industria galega.
Esta ducia de compañías premiadas, expuxo a directora do Igape, contribúen de modo decisivo na comarca á “creación de emprego, a xerar oportunidades laborais e a garantir a competitividade”. Neste marco, e na procura de facilitar o desempeño do tecido empresarial, Toca lembrou que o Goberno galego está a ultimar a posta en marcha da Oficina Económica de Galicia, “unha canle que servirá de punto de contacto de información e entrada para as iniciativas empresariais e proxectos industriais, e que contará con persoal especializado en todas as áreas”, indicou.
Así mesmo, referiuse tamén ao Polo Biotecnolóxico de Galicia-Sionlla Biotech, que está a facilitar xa tanto o asentamento como o nacemento de novas empresas. “Estamos a falar dun proxecto que permitirá industrializar un sector en auxe en Galicia, onde concentrar todo un ecosistema que axude, facilite e fomente a investigación biotecnolóxica”, afondou.
Pola súa banda, o presidente da Asociación Provincial de Talleres (Aptcor), José Basilio Insua Lado, agradeceu, en nome de todas as firmas homenaxeadas, o recoñecemento da Asociación Área Empresarial do Tambre. “Como asociación que tamén somos é un pracer pertencer á entidade empresarial que sempre realiza un gran traballo, desde a creación, desenvolemento e promoción do polígono, ata a actualidade converténdoo nun referente industrial na comarca”, destacou. Tamén felicitou aos compañeiros homenaxeados no día de onte e aos que serán distinguidos en futuras edicións. “A suma do esforzo e traballo individual é o que fortalece a imaxe conxunta de todos os membros da asociación empresarial do Tambre”, afirmou Insua Lado.