López-Pardo, 2ª pola dereita, e Luis Verde en Cee.
Xunta

A xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, visitou este venres o Hospital Virxe da Xunqueira, en Cee, con motivo do inicio da reforma da área de Urxencias do centro, na que se van investir 1,1 millóns de euros. Acompañada polo xerente da área sanitaria, Luis Verde, visitou tamén os puntos de atención móbil instalados para dar apoio ao hospital durante os traballos. Dita área contará cun circuíto específico permanente e independente para a atención e illamento diferenciado dos pacientes con patoloxías respiratorias, e incorporará un novo control de enfermería para ese dobre circuíto. Engadiranse aos actuais 7 boxes de observacións e ao único existente para pacientes illados, outros cinco boxes, todos eles preparados para pacientes illados. Tamén incorporarán novas salas de traballo médico e de enfermería, novos aseos para pacientes e para o persoal e un dormitorio para o médico de garda. No tocante ao persoal, o primeiro concurso convocado coa nova lei incluíu 8 prazas para este centro (2 de anestesia, 2 de oftalmoloxía, 2 de xinecoloxía e 2 para urxencias). Este proceso está xa nos últimos trámites e nas vindeiras semanas publicaranse as puntuacións definitivas para que os aspirantes poidan elixir por orden de puntuación entre as prazas.