Cultura, ecoloxía e achegamento físico ao medio serán os eixes de contidos do programa da décimo segunda Escola Ambiental Senda Nova – Concello de Carballo, que durante oito meses formará a nenas e nenos carballeses que cursan entre terceiro e sexto de primaria.

A iniciativa ten como proxecto transversal no tempo a horta ecolóxica do Espazo da Natureza de Oza, onde se desenvolven unha boa parte das actividades programadas. As casetas de ferramentas, a biblioteca e a aula formativa completan as dependencias usadas en cada sesión.

Outra parte do proxecto centrarase nas saídas ao medio natural e as excursións. Terán como destino os lugares máis importantes a nivel ecolóxico do Concello de Carballo e a bisbarra de Bergantiños, así como os vestixios máis salientables a nivel patrimonial. Deste xeito, a rapazada visitará bosques como a Ribeira da Pena ou a Bérbia; humidais como Baldaio ou o Esteiro do Anllóns, e vestixios megalíticos como a Pedra Moura de Aldemunde, entre outros.

As sesións celébranse os sábados de xeito continuado, ata o mes de xullo. O novo curso da Escola Ambiental foi presentado no Espazo da Natureza de Oza polo coordinador do proxecto, José Manuel Menéndez, e o concelleiro de Servizos, Medio Ambiente, Praias e Protección Civil, Miguel Ángel Vales. Asistiron numerosas familias interesadas en coñecer o funcionamento da escola, e case 30 nenos e nenas

Dende Senda Nova aseguran que “neste comezo da 12 edición hai que destacar o aumento de inscritos, sendo probable que debamos establecer unha listaxe de agarda coa finalidade de que a maioría das persoas que se apunten teñan a oportunidade de desfrutar do proxecto”.

Paralelamente, a asociación ambiental Senda Nova puxo en marcha o oitavo Inverno Ancestral, no que destacan as Conversas do Rural, uns faladoiros que buscan poñer en valor o labor de activistas de diferentes áreas e lugares.

Unhas conversas que inaugurou Xabi Varela, un ornitólogo carballés moi ligado a Baldaio grazas a anos de saídas dedicadas ao estudo dos paxaros do espazo natural. que difunden afición e agarimo.

Continuarán o 21 de decembro con Maha Dandis, estudante palestina afincada en Laxe; Macarena Rodríguez e Carme Iglesias, activistas na A. C. Brisas do Quenllo da Pontraga, de Tordoia (12 de xaneiro); Roberto Vidal, coordinador de seguimento da píllara das dunas en Baldaio (9 de febreiroI; Euloxio Nieto e Óscar Calvo, activistas culturais en diferentes colectivos de Bergantiños (15 de febreiro); e Mahyuba Agali, refuxiada saharaui, e Cristina Vázquez, colaboradora nos campos de refuxiados saharuies (23 de febreiro). O programa inclúe obradoiros de pegadas e visitas do Apalpador ás escolas.