O grupo de goberno de Muxía, presidido por Iago Toba (PSOE), deseñou uns orzamentos municipais para 2024 que terán como principal premisa a conxelación dos impostos. Ante a actual situación socioeconómica e a suba de prezos xeral, avogan por priorizar o “coidado das familias e non acentuar máis esa merma económica familiar”.
Na proposta que xa trasladaron ao resto dos grupos (o Executivo está en minoría, con só 5 concelleiros de 11), tamén se contemplan máis de 500.000 euros para servizos de axuda á dependencia, tentando “manter e mellorar servizos importantes como o coidado dos maiores e dependentes”, subliñan.
O alcalde, Iago Toba, asegura que “hai fórmulas para non repecutir esta suba xeral do nivel de vida directamente no veciño ou veciña, sobre todo en situacións como as que agora circunstancialmente vivimos”.
Para iso propón axustar gastos e aproveitar ingresos fixos doutras administracións, pero sen mermar servizos. “Sería fácil, rápido e efectivo facer unha suba dos impostos, pero consideramos que o fácil, neste caso, é inxusto coa situación que viven as familias”, engade.
Asegura que o seu grupo tentará acadar “o maior consenso posible e sumar apoios” na mesa de traballo na que participa a oposición.