O Concello de Negreira convoca o IV Concurso de Decoración de Nadal, co obxectivo de promover o embelecemento da vila facendo partícipe a poboación e tamén ao tecido económico. Ademais, volve a celebrarse desde este venres a mediodía (e ata o domingo ás 18.00 horas) o Mercado de Nadal no pavillón do colexio O Coto.
No que atinxe ao engalanamento da capital barcalesa, as inscricións durarán ata o 12 deste mes e serán gratuítas. Ábrense a toda a poboación maior de idade do Concello de Negreira e establecementos hostaleiros e comerciais con actividade emprazada no termo municipal. Os interesados en anotarse por facelo mediante un email ([email protected]), e indicando o nome, apelidos e DNI da persoa representante, teléfono, correo-e, e o enderezo da vivenda ou establecemento onde se levará a cabo a decoración.
Os premios serán de 100, 60 euros e unha cesta para o terceiro no caso dos particulares, mentras que as empresas recibirán galardóns de 400 e 150 euros, ademais dunha cesta de produtos para a terceira clasificada.
Xa no que atinse ao mercado, haberá actuacións de Charlie Brown e D-3 o venres; Veiga do Cotón e Latexo Percusión o sábado; e o domingo de Avania e Os Garuleiros.