A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, presentou na mañá deste venres xunto as asociacións hostaleiras da cidade a campaña ‘Fala baixiño’, coa que se pretende concienciar sobre o dereito ao descanso da veciñanza e pular por facer compatible con el o lecer nocturno. Na rolda de prensa celebrada no Pazo del Raxoi a rexedora estivo acompañada por Serxio Fernández, de hostalaria.gal; Lucía Vázquez, da Asociación de bares, pubs e discotecas; e Jesús Peón, de Hostelería Compostela.

Sanmartín amosou o interese do Goberno local por facer que esta campaña teña continuidade no tempo, para «que sexamos conscientes do ruído que facemos e que en ocasións perturba o descanso da maioría». Trátase dunha campaña que protagoniza Maruxa, a maior das ‘Dúas Marías‘ e que ten no amarelo o color principal, «ao xeito do código de circulación», explicaba a alcaldesa, «xa que non se trata de prohibir senón de advertir».

Tanto a alcaldesa coma os responsables da hostalaría coincidiron en destacar que ‘Fala baixiño’ busca «compatibilizar o noso lecer co descanso dos demais». «Somos hostaleiros pero tamén somos veciños«, apuntaba Serxio Fernández, «por iso sobre todo a campaña apela á responsabilidade individual e se funciona coma noutras ocasións será todo un éxito».

Lucía Vázquez, da Asociación de bares, pubs e discotecas, destacou que «hai momentos nos que se forman algarabías pero que son inequivocamente sen querer, sen intención de molestar á veciñanza» pero do que debemos ser conscientes coma cidadáns. «A campaña parece sinxela porque só lembra que hai que ser prudentes e respectar a quen quere durmir», explicou Vázquez, que tamén engadiu que «a xente é cívica na súa maioría».

No remate da comparecencia, Goretti Sanmartín explicou que á publicidade que xa está na rúa (nas traseiras dos buses urbanos, en mupis, folletos de man e carteis) e se distribuíu entre os locais do sector hostaleiro se lle engadirán, durante a campaña, «outras accións sorpresa que xa iremos anunciando».