O acordo produciuse na xuntanza celebrada en Raxoi entre a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, os edís nacionalistas Míriam Louzao e Iago Lestegás e o sector hostaleiro de Compostela, representado por Lois Lopes (hostalaria.gal) e Lucía Vázquez (Asociación de bares, pubs e discotecas).

Sobre a instrución, Lois Lopes manifestou que, probablemente, a súa redacción de urxencia se realizou «para evita a alarma social a raíz dos incendios acontecidos en Murcia e do incidente na Sala Malatesta«, a pesar de que tamén incidiu en que o acontecido no local de San Lourenzo «xa demostrou que os protocolos funcionan».

Na xuntanza tamén se confirmou a participación da hostalaría na campaña ‘Fala baixiño’, que se presentará o venres 1 de decembro e que procura concienciar ás persoas que gozan do lecer nocturno da necesidade de garantir o dereito ao descanso da veciñanza.

«Unímonos á campaña ‘Fala baixiño’, como xa fixemos noutros anos, porque cremos que é boa para a cidade e respectamos o dereito ao descanso dos veciños, se ben tamén sabemos que a incidencia do ruído na cidade procedente da hostalaría é mínima«, comentaba Lucía Vázquez.

Sanmartín explicou que o sector tamén aceptou o borrador presentado polo Goberno local para a creación da mesa do sector, pero mentres esta non se produza, as partes deixaron clara a súa disposición a continuar reuníndose.