O pasado día 17 de outubro desplomábase en Cee debido a un temporal o centenario abeto grego do xardín botánico do Instituto Fernando Blanco. Pero a madeira desta emblemática árbore gardouse á espera de darlle un fin á súa altura. Así que esta semana celebrouse unha reunión a tal fin, na que participaron membros do Padroado da Fundación Fernando Blanco, como entidade propietaria da árbore, e do equipo directivo do instituto, como encargado da xestión e funcionamento do centro, así como representantes dos partidos políticos de Cee en nome da veciñanza, pois o legado do fundador é patrimonio de todos os ceenses.
E a proposta elixida foi a do lutier, compositor e teórico da música, Daniel Romar Sambade, natural de O Ézaro e afincado en Cee: construír un clavicémbalo e doalo, sen custe, á mencionada fundación.
O clavicémbalo a replicar será un modelo orixinal dos Países Baixos do ano 1638, do construtor Ioannes Ruckers de Amberes, conservado no Instrument Museum St. Cecilia’s Hall de Edimburgo. O instrumento será entregado á fundación dentro de aproximadamente dezaoito meses (tempo necesario para o serrado de táboas, secado, mecanizado e elaboración do clavicémbalo).
Unha talla simbólica e un anaco de tronco
Ademais, reservarase un tramo dunha das pólas para que un artista poida elaborar unha talla simbólica coa idea de colocala no lugar onde o abeto estaba plantado, así coma tamén un anaco do tronco para que dende o Club de Ciencias do instituto poidan datar con exactitude a idade do abeto segundo os aneis de crecemento (dendrocronoloxía).
A proposta de Daniel Romar foi do agrado de todos os asistentes á xuntanza por diversas razóns: pola beleza do instrumento a elaborar, que enriquecerá o patrimonio da fundación; por ser a madeira do abeto grego moi apreciada na lutería de instrumentos musicais de corda; pola conexión da peza coas ensinanzas musicais impartidas no IES Fernando Blanco dende a súa inauguración; e por ser Romar un artista local.
O clavicémbalo, tamén coñecido como clavecín, clave, clavicémbalo, gravicémbalo ou cémbalo, é un instrumento musical con teclado e de corda pulsada (a diferenza do piano ou do clavicordio, que son instrumentos de corda percutida). Foi un dos instrumentos máis populares durante o Barroco, aínda que foi caendo no esquecemento durante as últimas décadas do século XVIII, momento no que os compositores se decantaron polo fortepiano (antepasado do piano moderno).
Daniel Romar é titulado superior en Composición e Teoría da Música. Xa de ben novo amosou fascinación polo traballo coas mans, o que o levou a interesarse pola lutería (concretamente polo clavicémbalo).