O grupo socialista de Santiago, por medio da súa edil Mercedes Rosón, denunciaron este mércores o “regueiro de formigón” que están deixando tras de si as obras que se están acometendo na rúa das Oblatas. Desde as filas socialistas critican o “desleixo e desinterese do bipartito na protección patrimonial” nunha zona que, recordan, entra dentro do Plan Especial.
Rosón censura a mala praxe coa que se está acometendo esta actuación, primeiro deixando tras de si un “regueiro de formigón” na zona asfaltada, aplicando un tipo de asfalto diferente ao preexistente e que podería rematar por afundir co paso do tempo.
Agora que se está actuando nunha zona de enlosado de pedra, reproba que se están “taladrando directamente as pedras e destrozando o camiño”. Explica a que fora concelleira de Urbanismo que, o modo de actuación habitual nestes casos é a retirada das pedras previamente para realizar a instalación e a súa recolocación ao final “non tratar a zona como se fose unha canteira” ironiza Rosón cualificando esta actuación de “todo un exemplo do bo facer”.
A socialista considera escandaloso o “permitir un maltrato desta magnitude nas rúas históricas” máis aínda, tendo en conta os requisitos que se lle poñen a calquera particular se quere acometer unha obra dentro desta zona de protección”. Co agravante de que, segundo explica a edil socialista, xa se lle deron varias chamadas de atención ao concelleiro de Obras, ante as que “preferiu aplicar o mutis por el foro”. Unha actitude que amosa “falta de control e moito desinterese” sentenciou Mercedes Rosón.