O Concello de Muxía comezou os traballos de cambio de cuberta do edificio de usos múltiples da Camposa, debido ao mal estado da actual, «que estaba causando grandes danos materiais no interior e impedindo a programación de actos dentro do recinto», afirma o alcalde, Iago Toba.

A actuación supón un investimento de máis de 56.500 euros. O rexedor subliña que «non terá prexuízo económico para a veciñanza nin afectará ás arcas municipais, xa que o equipo de Goberno incluíu esta obra nun plan de subvencións que a financia na súa totalidade».

Traballos de renovación da cuberta do edificio de servizos múltiples de Muxía Concello de Muxía


A empresa adxudicataria dos traballos empregará un novidoso sistema e material TPO de gran resistencia que está a ter un gran éxito en instalacións de todo tipo de recintos. Xa se instalaron todos os sistemas de seguridade e está previsto que nestes días comece a renovación da cuberta. Despois, procederase tamén a realizar unha nova instalación de sistemas de ventilación do Salón do Voluntariado, así como melloras de son e teas dos escenarios.

O concelleiro de Obras, Javier Romar, destacou que “este sistema e material estase empregando con éxito en cubertas consideradas complexas, polo que estamos seguros que Muxía contará moi pronto cun renovado e punteiro edificio da Camposa”.