Será no pleno deste xoves cando o PSOE reclame ao bipartito que retome o proxecto de retranqueo do muro da rúa Vedra, logo de que en febreiro se rexistrase nel unha fenda. Explica o portavoz dos socialistas que, unha vez sucedida a incidencia, ADIF -a propietaria da parcela e do muro- acometeu unhas obras urxentes e, a partir de ese momento, o goberno socialista iniciou as conversas para conseguir a cesión da parcela e encargou un estudo para valorar o custo de acometer o proxecto.
Gonzalo Muíños explica que esta actuación non é só “unha demanda das veciñas e veciños da zona” senón tamén “unha oportunidade para cambiar completamente este espazo” posto que a actuación, que ten un custo estimado de 323.000 euros suporía unha ampliación do carril, a mellora da zona de aparcadoiro e da beirarrúa, incorporando unha en cada sentido -actualmente só hai nunha das beiras da rúa-.
O edil socialista recalca ademais que “xa hai pasos dados” posto que nas conversas con ADIF “xa nos manifestara a súa predisposición a ceder a parcela” polo que confía en que o bipartito “saiba ver a oportunidade e lle dea continuidade tamén a este proxecto”.
Taxa turística
Os socialistas levarán tamén ao pleno deste xoves unha proposición para que a taxa turística sexa xestionada desde o Concello. Segundo explica o concelleiro Sindo Guinarte, o obxectivo da taxa debera ser “que repercutise na veciñanza de Santiago” contribuíndo a sufragar o sobrecusto do turismo en Compostela, “algo ao que non atende a proposta que o BNG remitiu á Xunta”.
Segundo explica o edil socialista, nesa proposta remitida ao presidente autonómico fálase da creación dun Fondo para a Promoción do Turismo de Galicia que xestionaría a Xunta de Galicia e ao que iría todo o recadado con esta taxa, de Santiago e doutras cidades. Critica Guinarte que isto sexa así, e defende o modelo da cesión do imposto para que cada municipio xestione a súa aplicación e o seu fin.
Guinarte, partidario da implantación da taxa, lembra que foi o goberno socialista quen solicitou a elaboración do informe que agora sostén a proposta do imposto e insiste en que a súa utilidade debera ser “compensar o sobrecusto en materia de servizos ou seguridade” que implica a presión turística na cidade para “abordar unha maior sustentabilidade do sector en Santiago” entendendo que o imposto terá tamén un efecto social “ao contribuír o turista tamén ao mantemento da cidade”.