A historia, o patrimonio e os xogos reafírmanse como reclamos turísticos da Costa da Morte. Así o reflexan as estatísticas de espazos como o Museo Etnolúdico de Galicia (Melga), con sede en Ponteceso, e as Torres do Allo (Zas) polos que este verán pasaron máis de 6.500 persoas. O Melga involucrou a máis de 2.500 persoas de todas as idades nas actividades lúdicas programadas este verán. Nas visitas guiadas ao museo participaron preto de mil visitantes, a maioría (o 90%) chegados de diferentes puntos de Galicia, pero tamén congregou a turistas procedentes de Inglaterra, Francia, Jordania, Paraguay, Suiza, Colombia, Brasil e Portugal. A maiores, nos festivais de xogos tradicionais promovidos polo Museo Etnolúdico participaron 800 persoas, e outras tantas visitaron por libre as salas do espazo museístico.

Entre os visitantes do Melga tamén destacou a presenza de persoeiros ilustres que foron convidados a firmar no Libro de Ouro do museo, como Manuel Regueiro, asesor da Área Funcional de Alta Inspección de Educación da Delegación do Gobierno, e a súa esposa Pilar Anta, neta do mestre Adolfo Anta Seoane, director de Cantigas da Terra; Uxía Trigo, doctora, escritora e profesora en diferentes universidades de España e América; Daniel Barquero, coleccionista e profesor sevillano; Marta e Antonio Pecoret, mestres pontecesanos; e Óscar García, codirector da Asociación de Juegos Tradicionales La Anónima, de Cataluña.

Un verán que o director do Melga, Ricardo Pérez y Verdes, di “foi o que foi, aínda que podería ser moito mellor se tiveramos un horario a tempo completo como no ano anterior”. Non obstante, confía en que ao remate do ano, “posiblemente nos levemos unha grata e inmensa alegría ao poder comunicar que superamos a marca de visitantes”.

Pola súa banda, As Torres do Allo, o pazo máis antigo de Galicia, recibiu máis de 4.000 visitantes este verán, interesados en coñecer a súa historia e gozar das actividades organizadas polo Concello de Zas e a Deputación da Coruña.

Escolares de Dumbría cun dos xogos existentes no Melga MELGA


As visitas teatralizadas dos Quinquilláns, revivindo a Francisca Riobóo e Víctor López Seoane, os señores do pazo, que compartiron cos labregos e labregas a historia das Torres do Allo, os costumes, tradicións e as preocupacións do seu tempo, foron os principais reclamos, ao igual que o xogo de escapismo Matanza no Allo e a búsqueda do tesouro. Ao longo da época estival houbo tamén actuacións musicais, sesións contacontos e exposicións que, xunto coa Romaría de San Ramón e a Xornada do Liño, axudaron a encher de vida o pazo e a súa contorna.

A partir de agora, as Torres do Allo recuperan o horario de tempada baixa, e abrirán os sábados, domingos e festivos de 11.00 a 19.00 horas.