O Centro Dramático Galego cumpre 40 anos en 2024. Como pensaron a programación neste aniversario?
O programa, como todos os anos, será diverso e plural para diferentes tipos de público. Este ano decidimos facer unha produción de gran formato que está ligada a un proxecto europeo sobre as linguas minorizadas no que participan varios países de Europa denominado Phone. Por outro lado, recuperamos produción propia cun espectáculo que fala tamén da nosa profesión; dos intérpretes que, digamos, fundaron o teatro profesional en Galicia. Este é Terceiro acto, que foi un espectáculo que fíxemos en 2021 e que por mor da pandemia viuse con capacidades reducidas a 30 persoas. Non puido tirar e parecíanos que era unha oportunidade para poder compartilo outra vez coa xente.
Un destes espectáculos está dirixido por Tamara Canosa e xira arredor dos talent show. En que consiste? Cal é o seu título?
Aínda non está definido o título pero lanzarémolo en breve. A idea é tomar a excusa dos talent show, eses ánimos de triunfar e brillar desta sociedade e confrontalo coa realidade, coa volta do teatro. Para nós é unha forma de celebrar o teatro dende o teatro, pero non mirando para o noso embigo como profesión, senón falando da sociedade no encontro con eles. Esa mesma idea é a que imos traballar nun proxecto que vai ir en paralelo dentro do Phone. É un espectáculo de teatro amador no que participan representantes de moitísimos grupos de toda Galicia; asociados á Federación Galega de Teatro Amador e, incluso, xente de fóra da federación. Crearán un espectáculo non profesional, que neste caso estará coordinado e dirixido por Rafael Rey.
Fálenos da súa colaboración co programa Phone.
Levamos moitos anos traballando en diversos proxectos internacionais e colaborando con diferentes teatros. Froito desas colaboracións naceu o contacto para entrar dentro desta iniciativa. É realmente moi interesante, moi completo, porque afonda na memoria colectiva a través do teatro; por iso facemos podcasts, vídeos… que van quedando nun mapa global de todos os países que participan para gravar lugares, memorias… vinculados ao teatro e á lingua. Trátase dun evento comunitario que cremos que ten moito sentido no aniversario dun teatro como o Centro Dramático Galego, que é un servizo público para todos os galegos e as galegas.
Como funciona ese intercambio linguístico e cultural?
No proceso de creación hai varias residencias con profesionais doutros países. Por exemplo, nós imos acoller agora, en setembro, un encontro cos equipos de dirección de todos os espectáculos de cada país. Son independentes, pero nese diálogo entre todos acaban colaborando, contaminándose e compartindo. Non sei concretamente como é que se vai reflectir, pero, evidentemente, todos os proxectos están empapados desta colaboración.
O texto nace, entón, froito desta colaboración?
Parte da colaboración e do traballo que se faga en escena con cada un dos intérpretes, porque creo que a idea de Tamara é construír co equipo que seleccione neste proceso. Por iso é tan importante, porque parte do que se vai contar en escena nace dos propios intérpretes.
«Temos a sorte en Galicia de ter un gran número de directoras e directores que poden afrontar espectáculos no Centro Dramático Galego. A nosa idea é que cada ano se incorpore algunha que nunca dirixira no CDG»
Por que elixiu a Tamara Canosa como directora?
Ten unha línea estética, e de traballo, e un coidado polo social que nos parecía un perfil moi interesante para esta produción. Temos a sorte en Galicia de ter un gran número de directoras e directores que poden afrontar espectáculos no Centro Dramático Galego. A nosa idea é que cada ano, polo menos, nunha das producións da tempada ou nunha das producións que facemos, se incorpore unha persoa que nunca dirixira no Centro Dramático Galego porque hai moita xente cun nivel altísimo. Isto irá tamén dando cabida a persoas novas e complementar as producións con persoas que estiveron aquí, traballando na casa, e que tamén é importante que volvan ao teatro público.
Unha das obras que volve para o aniversario é Terceiro acto. Por que agora?
É un proxecto do que todo o mundo garda moi bo recordo e era un equipo marabilloso, pero dáse a circunstancia de que, por un lado, tematicamente cadra perfectamente co noso aniversario. Por que? Porque é xente que estivo nas primeiras montaxes do Centro Dramático de Galego; unha xeración que foi a que fixo o CDG e os que estiveron nas primeiras mostras en Ribadavia, etc. É a xeración fundacional do teatro profesional en Galicia, polo tanto, no noso aniversario parecíanos importante e interesante contar con eles. Que mellor que recuperar un espectáculo que fala sobre esa última etapa da profesión, cando xa tes máis de 60 anos e estás de saída? Por mor da pandemia non puido velo toda a xente que nos gustaria, hai moitos que non puideron. Houbo momentos que só puido exhibirse para o público de Santiago, pois non se podían cruzar concellos e para 30 persoas de cabida no teatro. Fixemos un streaming para que a xente pudiera velo en vídeo, pero evidentemente non é o mesmo, é un sucedaneo e o teatro é para facelo e vivilo en vivo. Agora a idea é que volva ao Salón Teatro, e que ademais, no segundo semestre do 2024, faga unha xira.
Canto ten previsto que dure esa xira?
Está previsto que comece a partir de setembro. Estamos definindo cos diferentes concellos e institucións como ir artellándoa.
«Que mellor que recuperar un espectáculo que fala sobre esa última etapa da profesión, cando xa tes máis de 60 anos e estás de saída? Por mor da pandemia non puido velo (?Terceiro acto’) toda a xente que nos gustaría»
Que outros proxectos teñen previstos no CDG para 2024?
Faremos unha coprodución de pequeno formato, coa idea de que xire por moitos concellos de Galicia, sobre todo, concellos pequenos. Queremos levar pezas de pequeno formato a aqueles municipios aos que non podemos chegar cos espectáculos dun formato maior porque non teñen infraestrutura ou porque non hai capacidade suficiente para acollelos. Por outro lado, manteremos e proxectaremos as liñas de accesibilidade que temos: os sistemas de signado, subtítulos e a audiodescrición para a xente xorda e cega. Reforzaremos o servizo de autobuses que temos en diversos municipios, tamén pequenos, para que poidan vir ver os espectáculos tanto no Salón Teatro como nas cidades máis grandes e próximas a eles nas que esteamos de xira. Neste sentido hai ideas e moitas máis sorpresas de cara ao aniversario que iremos avanzando nos próximos meses.
Cal considera que é o futuro do teatro nos próximos 40 anos?
O teatro é unha arte que dende que naceu está en crise. Coa chegada da radio, despois da televisión e agora con internet ou coas plataformas dixitais sempre se di que o teatro vai desaparecer pero iso nunca vai pasar, porque o teatro é onde ese lugar onde encontrarse coa xente. A arte escénica ten unha cousa máxica que é que cando ti vas ao teatro sabes que iso que está acontecendo nese momento só para ti, cada día o espectáculo é diferente. O teatro, como arte efémera, viva e presencial vai gañar forza como a están a gañar os concertos en vivo, que cada vez teñen máis forza. O teatro e a danza teñen futuro porque a xente demanda encontrase coa escena.